A Asociación de Pulpeiras e Pulpeiros do Carballiño imparte en Bruxelas unha masterclass aos cociñeiros do catering do Parlamento Europeo

Dez integrantes da Asociación de Pulpeiros e Pulpeiras do Carballiño trasladáronse ata Bruxelas para participar nun acto organizado polo Partido Popular, no que achegaron aos cociñeiros do catering do Parlamento Europeo a receita tradicional do polbo á feira, tras unha polémica de meses atrás cando na carta do comedor da institución europea aparecía un prato de suposto “polbo á feira” cando en realidade era un guiso de aneis de calamar con pataca e brócoli.

O presidente do PP de Galicia, Alfonso Rueda, participou no acto, titulado “En Europa, defendendo as cousas para comer”, xunto ao vicepresidente da Eurocámara, Esteban González Pons, e o eurodiputado galego Adrián Vázquez, principal promotor desta iniciativa.

Este último tamén lembrou que os galegos “cumpren o que prometen”, en referencia ao anunciou que realizou desde O Carballiño, unha das capitais do polbo á feira, de levar a Bruxelas a receita orixinal. Máis aló da anécdota e da dimensión cultural do acto, o eurodeputado subliñou que a presenza do número un dos populares galegos en Bruxelas no acto “non é casual”, senón que “chega nun momento crítico para o futuro do sector pesqueiro europeo, cos recortes da Política Pesqueira Común (PPC) no aire”.

Os populares destacaron que Galicia “está presente en Bruxelas e non dará nunca un paso atrás na defensa dos seus intereses en Europa”, insistindo na necesidade de axudas europeas ao sector e eliminación das trabas burocráticas que “afogan á xente do mar”. O PPdeG lamenta que os recortes contemplados na Política Pesqueira Común ameacen con reducir drasticamente as posibilidades de captura dunha flota que dá emprego a miles de familias nas rías galegas.

Así, os populares lembran que Galicia achega máis do 25% do total de capturas pesqueiras de España e é a rexión con maior flota pesqueira de toda a Unión Europea. “Recortar as súas cotas non é só un golpe á economía galega: é un erro estratéxico para a soberanía alimentaria de Europa”, sinala o eurodeputado.

A idea da gran pulpada comezou o pasado 2 de febreiro de 2026, cando a cantina do Parlamento Europeo incluíu no seu menú un suposto «octopus galician-style» que resultou ser unha mestura de polbo, lura e brócoli, sen rastro algún da receita orixinal: polbo cocido, aceite de oliva, pemento e sal servido sobre táboa de madeira. A imaxe daquel prato correu como a pólvora en redes sociais tras a publicación de Vázquez en X, xerando unha reacción en cadea que transcendeu as fronteiras do meramente gastronómico.

O eurodeputado non tardou en reaccionar con contundencia: “Chamar a aquilo polbo á galega é como chamar gaita a unha vuvuzela”, afirmou Vazquez nunha carta dirixida en ton sarcástico ao cátering de Parlamento. “Defenderemos á Galicia e as cousas do comer en Europa sempre e baixo calquera circunstancia”.

O escándalo viralizouse e Vázquez fixo unha promesa pública: os corredores do Parlamento Europeo coñecerían o que é o auténtico “polbo á feira”. O acto materializouse este mércores, con gran asistencia.

Ademais, contou coa participación de Suso Pereira, presidente da Asociación de Pulpeiros do Carballiño, e 10 representantes máis do sector, que impartiron un masterclass aos cociñeiros do cátering do Parlamento para evitar este tipo de episodios no futuro. O son da gaita galega amenizou a velada.

Compartir en: