A Comarca mantén 28 casos activos de mulleres vítimas de violencia de xénero, delas 18 no Carballiño.

O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu a reunión da mesa de coordinación para a mellora da atención ás vítimas de violencia de xénero, que permite valorar a situación da comarca do Carballiño, levar a cabo melloras nos dispositivos de atención e avanzar na sensibilización da poboación. Segundo os datos aportados pola xefa da Unidade VioGén da Subdelegación do Goberno, María Alida Iglesias, o número de mulleres vítimas de violencia de xénero descendeu no concello do Carballiño desde o inicio de ano, pasando de 24 a 18 afectadas.

No resto dos concellos da comarca son 10 os casos activos de mulleres vítimas de violencia de xénero, con 3 casos contabilizados no concellos de San Cristovo de Cea, 2 en Maside, e un caso activo nos municipios de Boborás, Punxín, San Amaro, O Irixo, e Piñor. Un único concello, Beariz permanece sen casos de violencia de xénero. Todos os casos teñen risco de nivel baixo.

Silvia Baranda, concelleira de Servizos Sociais, Muller e Igualdade do concello carballiñés, valorou en positivo a diminución dos últimos seis meses, pero recordou que aínda son “moitos” os casos sen denunciar. “É moi importante denunciar, a oficina do CIM está a disposición de todas as veciñas para darlle información e apoio con total privacidade, é un espazo seguro ao que poden acudir”, sinalou.

Dos 18 casos activos na capitalidade comarcal, todos de risco baixo, 13 contan con medidas xudiciais de prohibición de aproximación e comunicación coas mulleres, e 2 casos, con prohibición de aproximación. “En todos os casos, as forzas e corpos de seguridade protexen á vítima, vixían os domicilios e traballos e fan un seguimento do agresor”, detallou María Alida Iglesias.

A xefa da Unidade VioGén deu conta da situación do resto da comarca e da provincia , onde os casos tamén se reduciron no que vai de ano. “Vemos que O Carballiño e comarca están na tónica do resto da provincia, cun menor impacto nos últimos meses”, engadiu.

A reunión tamén contou coa participación do persoal do CIM do Carballiño, dos centros educativos e sanitarios, e das forzas e corpos de seguridade.

Compartir en: