O salón de plenos do Concello do Carballiño acolleu esta mañá a presentación da asociación lúdica Monxes do Tentáculo, formada por unha vintena de afeccionados aos xogos de mesa e de rol. “É un auténtico orgullo anunciar esta nova asociación que vai enriquecer o tecido cultural e a oferta lúdica do Carballiño”, apuntou Diego Fernández, concelleiro de Cultura, quen puxo en valor as iniciativas deste tipo, impulsadas desde a veciñanza. “Decidimos establecernos formalmente para entrar en contacto con persoas con intereses similares, darlle vida á vila e á comarca, fortalecer os lazos comunitarios, colaborar con outras asociacións e levar a cabo proxectos”, resumiu Diego José Rodríguez Touriño, presidente da asociación.
A primeira actividade de Monxes do Tentáculo terá lugar no Auditorio Manuel María esta fin de semana co evento “Dados e historias” o venres, día 1 de maio, e o domingo, 3 de maio. Touriño convida á toda a poboación a achegarse, coñecer, compartir e desfrutar do mundo dos xogos de mesa. “Queremos pasar un par de tardes divertidas, que lle abran a porta a este mundo á poboación, que lles permita descubrir novas experiencias, novas amizades…”, explicou. O evento, de entrada libre, está dirixido a poboación maior de 14 anos.
Os participantes poderán desfrutar de multitude de xogos de diversas modalidades e niveis, como o Catán, Exploding Kittens, Viaxeiros ao tren, Carcassonne, Dune ou The Witcher. Ademais, o público tamén pode traer os seus propios xogos. “A partir das cinco da tarde imos ter dispostas as mesas e a xente pode vir cando lle apeteza, sexa pola tarde ou pola noite”, detallou Antonio Benito Fernández, vicepresidente da asociación. Os dous días, ás 19,30 horas, proxectarase a proxección da película de terror “Dagon”, baseada en relatos de H.P. Lovecraft e gravada en Combarro (Pontevedra). “Ao mellor hai xente que quere iniciarse e non sabe como, e necesitas unha comunidade, xente coa que poder xogar, aquí é o lugar para que a xente se poida xuntar”, engadiu.


