A asociación cultural Avantar impulsa este sábado unha nova edición da súa coñecida Fo-liada. As rúas e locais hosteleiros do Carballiño encheranse, como é habitual, de música tradicional galega, á que desta vez se unirá a tradición africana. “É unha moi boa oportunidade para desfrutar da nosa cultura e da fusión musical”, destacou Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación da actividade. O edil puxo en valor o importante apoio de Avantar á tradición musical galega e convidou á veciñanza e á poboación doutras zonas da provincia a achegarse ao evento.
A Fo-liada, que desde este ano se chamará Fo-liada Victor Gulías, inclúe o concerto do grupo Afroliada, ás 19,00 horas na Praza Maior, e o tradicional percorrido por locais da vila a partir das 20,30 horas. “Teremos unha mestura de gaiteiros, gaiteiras, bailadores, bailadoras, de toda a xente que amamos a música tradicional e a nosa cultura, con invitados de Escairón, Baiona, Ponte Caldelas, O Carballiño e a súa comarca”, explicou Darío Rodríguez, integrante da directiva de Avantar.
O percorrido comezará no bar O Pendello ás 20,30 horas e continuará por bar Paco, Gelo, A Comarca, O Casino e, para rematar, a bodega de Flores. “Non fai falta inscribirse nin ser ningún virtuoso para formar parte da Fo-liada, basta con desfrutar da nosa cultura, a nosa lingua e a nosa tradición”, apuntou Rodríguez.
Pola súa parte, Nani Blanco, tamén de Avantar, avanzou a programación da asociación cultural para o que resta de 2026. “Este sábado 26 tamén damos comezo ao clube de lectura de Avantar, que será como sempre a partires das 12,00 horas no primeiro andar do Casino; o 26 de outubro teremos o premio O Corcheiro no salón de actos do Casino; a lectura pública de Un Ollo de Vidro o 31 de outubro e en novembro temos pensado facer a actividade de Tasca e Literatura”, detallou.


