De muros, muriños e muretes
Cando no ano 1989 unha marea de ilusión derrubou o muro de Berlín, algúns ilusos ou utópicos deixámonos inundar da esperanza dunha Europa sen fronteiras, dun mundo sen barreiras…Sabiamos de outros muros, Xibraltar, Ceuta, Melilla, Guantánamo…confiabamos que xa lles chegaría a súa hora. Ahora os israelitas constrúen un novo muro en Gaza e tomamos conciencia de que hai unha morea de barreiras e muros, de razas, de relixións, de ideoloxías, de sexos…Sería moi longo de explicar e non collería neste humilde artigo. Só vou opinar dos muros físicos e próximos.
“The Wall”, de Pink Floyd, fermosa múseca e película…Disculpade, xa non sigo a divagar.
Como vos estaredes a imaxinar , quería falarvos do desgraciadamente famoso muro da praza da Veracruz. Ese muro que nos rouba a perspectiva da arte de Antonio Palacios. Pero non o vou citar. Quero aproveitar para lembrarvos como están caendo os muros do Mosteiro de Lobás, os do Castro de Lobás. Como se derruban casas de labra esmerada en Cabanelas e tantos outros pobos fermosos na nosa comarca. A rectoral de Gomariz, a rectoral de Beade, o Priorato de Beiro…Muros que caen nos camiños e que non se levantan…
Quérovos falar de canto sacrificio rezuma en cada socalco do que en tempos foron viñas. Das adegas de Tombelo en Albarellos ¿e Castrocavadoso? Castrocavadoso pide a berros mudos que se lle preste atención. Como decía García Lorca “…casi muerte y casi piedra mugieron como dos siglos hartos de pisar la tierra…” E seguirán. ¿seguirán? ¿deixaremos que sigan? ¡que pouco respeto lle temos a tantos canteiros anónimos que foron labrando a nosa historia!...para que falarvos do muro da Veracruz, ou dos muros que pretenden canalizar ríos sen entender que os ríos son os camiños da vida nos que a naturaleza exerce o seu direito a desbocarse. E fan muros para dominar a naturaleza…¡eses si que son ilusos!
Decía Martín Santos nos anos cincuenta que “viviamos nun tempo de silencio”. Hoxe, cincuenta anos dispois, vivimos na época dos políticos dos muros. Dos politiquiños de media estopa que deixan que se nos desfagan os muros que definen a nosa historia, a nosa cultura, eses muros que son parte de nós, que nos perteñecen. Politiquiños que pola contra, con certas ínfulas faraónicas queren deixar a súa impronta en muros que nos estorban. Si políticos, estórbannos.
Poderíamos levar a eses políticos a algunha escola ou obradoiro de emprego no aprendesen a diferenciar o que son muros, muriños e muretes, pero teño serias dúbidas de que fosen capaces de aprender algo : só saben defenderse dentro dos muros das lareiras en campaña electoral. Cabe tamén a posibilidade de abrir as portas e fiestras dos muros das casas consistoriais nas que se agochan, que entre ar puro e deixen de feder eses muros á humidade rancia que están acumulando.