Dar Trela propón para os venres e sábados deste verán “Asasinato no muiño”, no Parque Etnográfico do Arenteiro, unha proposta que xunta teatro e patrimonio.

O Concello do Carballiño colabora en “Asasinato no muíño”, a nova proposta do colectivo carballiñés Dar Trela Teatro. O espectáculo, que se levará a cabo no Museo Etnográfico do Carballiño, é un cluedo, un xogo no que os personaxes e o público terán que identificar ao culpable dun asasinato. “É unha iniciativa moi diferente, participativa e que permite unha viaxe ao pasado do muíño con toques modernos”, destacou esta mañá Diego Fernández, concelleiro de Cultura, na presentación da obra. “Queremos animar á xente a que desfrute da obra, que comeza coa primeira representación o día 31 de xullo, no que tamén teremos feira e concertos na vila”, sinalou o edil, quen puxo en valor o traballo de documentación e recollida de información de Dar Trela Teatro para a elaboración desta proposta.

A compañía, que vén de visitar Zurich (Suíza) coa súa obra “Cabaret”, aposta por este innovador formato, no que os actores e actrices cambian en cada representación. “Desde que empezamos, hai preto dunha década, sempre nos caracterizamos por facer montaxes innovadoras, dinámicas, que saen da liña clásica do teatro”, explicou Darío Rodríguez, membro do colectivo. “Cluedo é un xogo de mesa, de investigación dun asasinato, e o que fixemos moi trasladar esa idea a un xogo de teatro que sucede no muíño”, detallou Clara Vázquez, outra das integrantes. “Este é o mellor espazo que puidemos atopar no Carballiño, un lugar cheo de recunchos, que xa conta historias”, engadiu Vázquez, quen agradeceu a cesión por parte do Concello do Carballiño.

O público non verá o asasinato, polo que pode participar na investigación. “O público pode interactuar, se quere”, resaltou Vázquez. A obra estréase o venres 31 de xullo, ás 20,30 horas, pero haberá máis funcións varios venres e sábados de agosto e setembro (1, 14, 15, 21, 22, 28 e 29 de agosto e 25 e 26 de setembro). “Aínda que a obra comeza ás 20,30 horas, o público debe estar uns 10 minutos antes para efectuar o pago das entradas”, indicou Xabi Nóvoa, de Dar Trela.

As entradas pódense reservar a través de WhatsApp nos números 645 16 72 78 e 600 82 90 89, así como nas redes sociais de Dar Trela Teatro (Facebook e Instagram). O prezo é de 8 euros, que se pagarán antes da representación.

Compartir en: