Do grupo municipal socialista sobre o servizo de biblioteca

21, Febreiro 2014

O Carballiño, 21 de febreiro de 2014.- O Grupo Municipal do PSdeG criticou hoxe o nulo interese amosado polo Concello do Carballiño á hora de prestar un servizo axeitado aos usuarios da Biblioteca Municipal. Denuncian así que, despois de reducir o horario ás mañás no pasado mes de decembro, xusto en época de exames; en Xaneiro e Febereiro as instalacións estiveron totalmente pechadas durante varios días.

Os socialistas consideran insostible esta situación e advirten que o proceso de selección de persoal para a Biblioteca non pode repercutir no servizo aos cidadáns, que en moitos casos tiveron que dirixirse ao Concello a devolver os libros emprestados ao atoparse coas instalacións da Biblioteca pechadas.

Apuntan que O Carballiño “merece un servizo bibliotecario en condicións, cun horario axustado ás necesidades dos usuarios e cunha inversión axeitada en modernización e actualización de fondos, e, como mínimo, un servizo de atención ao público”.

Consideran que o Concello “non ten escusa ante esta nova mostra de desinterese pola cultura” xa que “non nos podemos crer que non sexa posible destinar a unha persoa a atender a Biblioteca unhas horas en lugar de pechala, ou manter un horario axeitado para os estudantes en época de exames”.

 Lembran que dende hai tempo son continuas as queixas dos usuarios polo mal estado das instalacións, con humidade, goteiras, mal funcionamento da Wi-fi, falla de fondos bibliográficos e por enriba, cun sistema de calefacción que durante meses estivo estragado.

“Estas cousas pasan porque o Concello e o alcalde non lle dan á cultura e a educación a importancia que se merece, como demostran as reduccións de fondos orzamentados e o traspaso de gastos”, afirman.

Consideran lamentable que O Carballiño teña un alcalde que “está máis preocupado en resolver os seus problemas xudiciais que en atender as necesidades dos cidadáns, que cada vez ven mais mermados e deteriorados os seus servizos públicos”.