Leiro merece máis, moito máis

20, Xullo 2025

En pleno verán, mentres a maioría dos concellos da contorna enchen as súas rúas de actividades culturais, festivas e deportivas para todos os públicos, Leiro continúa sen unha programación digna para a súa veciñanza. Un ano máis, a realidade é que só contamos cunha Carreira Popular e coa Festa da Vendima como únicas actividades de verán, dúas citas que existen grazas ao esforzo, á colaboración e ao diñeiro que poñemos os propios veciños e veciñas, xa que o Concello limítase a aparecer na foto sen implicación real nin planificación, sen asumir a responsabilidade de impulsar unha programación ampla, diversa e estable que dea vida ao verán en Leiro.

A veciñanza de Leiro volve quedar sen opcións de lecer nin alternativas culturais para a rapazada, a mocidade ou as persoas maiores. Non hai cine ao aire libre, nin música, nin teatro, nin actividades deportivas alternativas, nin rutas culturais que poñan en valor o noso patrimonio e o noso entorno natural. O noso paseo fluvial e o conxunto de San Clodio seguen infrautilizados, o Balneario de Berán permanece pechado e sen actividade cultural ou termal que reactive a súa contorna, e o noso comercio e hostalaría ven pasar o verán sen ningunha iniciativa municipal que xere dinamismo, actividade económica e oportunidades.

Desde o PSdeG-PSOE de Leiro consideramos que esta falta de iniciativa e esta lei do mínimo esforzo do alcalde e do seu grupo de goberno supoñen un lastre para o noso concello. Temos potencial, temos patrimonio, temos ubicación e temos veciñanza con ganas de participar, pero non temos un goberno que escoite nin que planifique con tempo, nin que teña vontade de crear un verán con vida en Leiro.

Programar actividades non é cuestión de improvisación. Precísase vontade, traballo e diálogo coas asociacións, coas comisións de festas e coa veciñanza. Non se trata só de grandes eventos, senón de manter unha axenda cun mínimo de actividades durante o verán: cine ao aire libre, rutas de sendeirismo, concertos de bandas locais, obradoiros creativos, contacontos, teatro, torneos deportivos, festivais de música ou actividades para a mocidade e as persoas maiores.

Leiro merece máis, e a súa veciñanza tamén. Dende o PSdeG-PSOE de Leiro seguiremos reclamando esta programación nos plenos e diante da veciñanza, con propostas realistas e claras, porque non nos resignamos a ver como Leiro se apaga cada verán mentres outros concellos avanzan e medran.

Leiro pode e debe ser un lugar vivo, atractivo e con oportunidades para todas as idades. Para iso, só precisamos vontade, traballo e compromiso, algo que o actual goberno municipal segue sen demostrar, limitándose a vivir do traballo alleo e da implicación dos veciños e veciñas que son, ao final, quen manteñen as poucas actividades que aínda se celebran.