O culebrón San Amaro

10, Xuño 2021

Fai dous anos nun figón masidao no que se papa moi ben, unha trotaconventos de nome Celsetina, reunía un mozo e unha moza pra facer un amaño de conveniencia. A moza saiu alcaldesa, e o mozo saiu coa promesa dunha futura alcaldía. Meses despois a moza renunciou a alcaldía e saiu un novo mozo. E o primeiro mozo mantivo a esperanza do pacto asinado pola trotaconventos.

A trotaconventos esqueceuse de tal xuntanza como tamén esqueceu as xustanzas que meses antes e na nocturnidade mantivo con outros persoeiros no mesmo distrito, pra defenestrar a un compañeiro de Piñor, porque non interesaba aos desexos da trotaconventos, a adicación do compañeiro a Deputación.

O mozo convidado de pedra no figón masidao, segue prendado do amor dibuxado pola trotaconvendos. E busca no secretario do Concello un fedatario público que dea fe dese pacto firmado ex legis polos protagonistas do figón. Semella descoñecer que o pacto privado promovido pola trotaconventos é un pacto nulo de pleno dereito porque especifica condicións que xa están reguladas por lei. E a lei regula que o único xeito de que o mozo acade o amor dibuxado pola trotaconventos é que o PSOE de San Amaro se faga unha moción de censura contra sí mesmo, ou que a faga o mozo e sexa apoiada  polo PSOE. Outra cousa non hai, mozo namorado. Vese ben difícil.

Moralexa: Ten coidadiño coas trotaconventos, e estuda a legalidade de pactos picarescos se pretendes ser alcalde.