O deterioro da OU-0307 en Berán

11, Decembro 2013

Mentres ó Presidente da Deputación se lle enche a boca anunciando a bombo e prato que este ano a Entidade menor de Berán contará cunha partida de 20.000 € de fondos da entidade provincial, a estrada que pasa o seu carón vaise abaixo.

 A estrada OU-0307 propiedade da Deputación Provincial de Ourense presenta grandes buratos no entorno do Balneario de Berán con grave risco para a circulación. Dita vía atópase neste estado dende hai máis de dous meses sen que o Presidente da Deputación faga nada ó respecto.

 Ademais do risco que supón que esta vía se atope neste estado deplorable non se pode permitir que pasen os días e non se tome unha solución ó respecto. O Grupo Socialista quere facer un chamamento para que se arranxe dito desperfecto antes de que suceda unha desgraza, porque o desprendemento na estrada é moi perigoso por atoparse nunha curva.

 Ademais é curioso, como se pode ver nas fotografías que se axuntan, que a solución durante dous meses a este desprendemento da estrada sexa unha sinal e máis un choto de carballo con cinta da Deputación Provincial.

 Dende o Grupo Socialista preguntámonos se dito sistema de sinais está homologado por Tráfico.

 Baltar ten que atender as deficiencias das estradas propiedade da Deputación, poñerse a traballar en manter o patrimonio provincial e facerse menos fotos e dar menos roldas de prensa.

 Parece que o Presidente da institución provincial só se lle ve para comparece ante os medios para dar conta de estudios dos que xa todos sabemos os datos, pero fuxe á hora de resolver os problemas.

 Asdo: Ignacio Gómez, portavoz do PSdeG na Deputación de Ourense.