O PSdeG denuncia o incumprimento do alcalde do Carballiño coas traballadoras de axuda no fogar

15, Xaneiro 2015

O portavoz do Grupo Municipal do PSdeG, Paco Fumega, mantivo onte un encontro con parte das traballadoras do Servizo de Axuda no Fogar e coa súa representante sindical, a fin de escoitalas e apoialas nas súas demandas para que se cumpran os seus dereitos sociais e laborais que a empresa concesionaria do servizo está a incumprir sistemáticamente.

O PSdeG denuncia  que o alcalde mentiu ao anunciar unha solución a esta situación, xa que segue sen convocar o concurso para adxudicar a xestión deste servizo, despois de que o pasado 5 de decembro rematase o contrato coa empresa Galaurea.

Naquel entón o alcalde comprometeuse a non renovarlle o contrato a esta empresa e a convocar un concurso para unha nova licitación. Mes e medio despois, non se redactou aínda o prego de condicións para dito concurso, polo que a mesma empresa segue encargándose da xestión e segue a incumprir as cláusulas laborais e sociais das traballadoras que estas levan denunciando moitos meses.

Así, segundo as queixas transmitidas polas afectadas, a representante sindical segue sen recibir notificación das altas, das horas que se traballan a maiores, e ademais de que, por exemplo en decembro, produciuse un novo retraso nos cobros dos salarios e que seguen traballando menos horas das que poderían, a pesar da súa disponibilidade para facelo. Marnotes comprometeuse a facelo, co cal segue a incumprir os seus compromisos e a mentirlle a estas traballadoras.

Os socialistas opuxéronse en todo momento á privatización deste servizo, e unha vez concedida a xestión á empresa Galaurea, defenderon en todo momento ás traballadoras ante os reiterados incumprimentos de dita empresa con elas.

De feito, o PSdeG esixiu a Marnotes en numerosas ocasións a rescisión do contrato coa empresa polos seus reiterados incumprimentos. Dita rescisión nunca chegou a producirse, e unha vez rematado o contrato no pasado mes de decembro, o Concello anunciou un concurso para unha nova adxudicación da que nada se volveu saber.

Por elo, o portavoz do PSdeG reiteroulle ás traballadoras o apoio do Grupo Municipal Socialista, como xa leva demostrado dende o inicio do conflicto, coa presentación de mocións e iniciativas para esixir a rescisión do contrato con esta empresa.

Esixen ao goberno de Marnotes solucións inmediatas para unha situación que o alcalde e a concelleira de Benestar seguen adiando no tempo, con escusas e aprazamentos que o único que fan é repercutir cada vez máis nos dereitos das traballadoras do servizo.

Grupo Municipal do PSdeG do concello do Carballiño.