Plaga de ratas

11, Setembro 2009

Eu pensaba que O Carballiño con tanto aparato instalado no parque municipal 
para que os nosos maiores fagan exercicio, con tanta andaina e tanta teima 
for facer de nós un concello saudable, as condicións de vida na nosa vila 
melloraran moito, pero por desgraza un feito cando menos sorprendente 
confirmoume que estamos lonxe de ser precisamente un concello saudable pois 
fai uns días paseando pola rúa República Arxentina quedeime de pedra cando 
campando con certa parsimonia por esta rúa a unha rata desas das gordas que 
se escondeu paseniña e lentamente baixo un coche aparcado nesta rúa. Vendo 
semellante espectáculo non sei como se pode dicir que a nosa vila é un 
concello saudable. Non sei se isto é un caso illado ou é que como temos un 
alcalde licenciado en Historia meteu ó Carballiño nunha máquina do tempo 
para levarnos á Idade Media cando as ratas pululaban polas cidades e pobos 
de toda Europa propagando a Peste Negra. Coido que moi mal deben andar as 
cousas polo subsolo do Carballiño cando as ratas se deixan ver paseando con 
tanto descaro polas rúas do Carballiño coma Pedro pola súa casa e que xa 
é hora de tomar as medidas oportunas para chamar a unha empresa adicada á 
desratización ou no seu defecto chamar ó Flautista de Hamelin para que se 
de unha volta pola rúa República Arxentina e as rúas colindantes antes de 
que as ratas se deixen ver máis frecuentemente por elas.