Soporífera carreira de caracois

29, Setembro 2022

Poins nada, que chegan as eleccións -andamos pretiño delas- e xa saen os caracois a posicionarse cos seus egos. Un que di que se presentará pra que os veciños dean o visto bo a súa "brilante xestión". O outro, máis timorato, di que hai que facer moi fondas reflexións, e que precisa que o seu partido o arroupe e o mime pra voltar ás andadas -é dicir, outro paripé-.

En definitiva, PPSOE, o de sempre. Mesmas políticas caducas, mesmos partidos secuestrados polos egos de tres ou catro. Sen democracia interna, sen proceso claro e transparente de primarias, sen a máis mínima autocrítica -o PP ven de acadar os peores resultados quizáis da súa historia no Carballiño, e protagonizou unha pseudooposición que probablemente o leve a empeorar eses pésimos resultados-, e todo elo en detrimento dunha comarca -o que acontece na vila do Carballíño ten trascendencia en toda a comarca- que penso que non merece tal apatía.

É moi difícil pedirlle a un alcalde que ven de gañar dous comicios que se retire, que non lle faga máis dano á comarca. É máis sinxelo pedirlle ao outro candidato da oposición que se ten tantas dúbidas e precisa de tanto arroupamenteo e paripés é mellor dar paso a xente con maior estímulo e ambición. E que lle plantexe ao presidente do PP e do Arenteiro un proceso de primarias sen tutelas.

Agardo que tanto Espazo Común como BNG lle dean un pouco máis de motivación á soporífera carreira de caracois, e que non teñamos que lamentar de aquí a catro anos e medio que temos o que merecemos. A apatía do PP é o colaborador necesario pra unha nefasta maioría absoluta do fumeguismo, tan apático en xestión como o propio PP.