O Encontro Literario de Ourense (ELO) amplía por primeira vez a súa programación a dúas xornadas e, segundo avanzou a organización, reunirá no Carballiño máis de 50 participantes nunha novena edición que combinará literatura, divulgación, humor e propostas vinculadas ao Samaín. A cita celebrarase os días 30 e 31 de outubro, con actividades na Praza Maior e no Auditorio Municipal e entrada gratuíta.
O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, presentou esta mañá a programación acompañado por dúas das organizadoras, as escritoras Elizzie Quintas e Cristín Ferro. Durante a rolda de prensa, destacou o crecemento dunha convocatoria que atrae á vila autores e outros profesionais do ámbito literario de diferentes puntos de España.
“Vemos como ano tras ano segue a medrar e seguen vindo persoas moi relevantes do panorama estatal. Para nós é importantísimo que esta celebración siga vencellada ao Carballiño”, afirmou Fernández. O concelleiro agradeceu tamén o traballo de Quintas e Ferro, ás que definiu como “dúas escritoras e traballadoras incansables deste encontro literario”, e salientou que a proposta vai máis alá das presentacións de libros ao incorporar o debate, o humor e o intercambio entre distintos axentes do sector.
A principal novidade será a xornada do venres 30, que levará á Praza Maior un encontro entre escritores e lectores, de 17.30 a 21.30 horas. A actividade permitirá achegar a cita á veciñanza e favorecer o contacto directo coas persoas participantes. En colaboración co Concello, celebrarase tamén unha queimada popular co seu conxuro, aberta tanto aos asistentes ao ELO como á veciñanza e aos visitantes.
Elizzie Quintas explicou que esta ampliación responde a unha petición que os autores viñan trasladando á organización. “Esta vez escoitámolos e fixemos dous días”, sinalou. A escritora destacou ademais a chegada de participantes desde lugares como Málaga, Barcelona ou Madrid e celebrou a crecente implicación de persoas do propio Carballiño.
O sábado 31, a programación desenvolverase no Auditorio Municipal, situado na avenida do Balneario, 28, cunha sesión de mañá e outra de tarde. A recollida de acreditacións comezará ás 9.00 horas e, tras a benvida, sucederanse os bloques de presentacións literarias, bautizados para a ocasión con nomes como “Fogatas rituais” e “A Santa Compaña”.
Ás 11.45 horas terá lugar “Peto das ánimas”, unha mesa de debate conducida polo padriño desta edición, Javier Romero, tamén coñecido como Devil Scott. Participarán voces de distintos ámbitos do mundo do libro, desde a escritura e a creación de contidos nas redes sociais ata os podcasts, coa presenza de Seu Bermúdez, entre outras persoas convidadas.
A organización quere ampliar así a mirada sobre o sector e abordar tamén a promoción e as novas formas de conectar cos lectores. “É unha mesa que representa un pouco todo o evento”, explicou Cristín Ferro, quen destacou a diversidade dos perfís participantes e recomendou especialmente esta conversa.
A sesión matinal incluirá tamén unha saída á destilería artesanal J. R. O Aguardienteiro, en Leiro, cunha visita e degustación prevista de 12.55 a 13.55 horas para achegar aos participantes ao proceso de elaboración da augardente. Ferro sinalou que esta proposta permitirá descubrir un oficio próximo e coñecido en Galicia, pero que resulta unha novidade para moitas das persoas que chegan doutras comunidades.
Pola tarde, o Auditorio abrirá as súas portas ás 16.45 horas. Ás 17.15 horas celebrarase a presentación do padriño, Javier Romero / Devil Scott, e ás 17.45 horas entregaranse os premios dos concursos. O programa reserva tamén un espazo para o xogo, de 18.15 a 18.45 horas, cunha proposta participativa inspirada no terror e no Samaín. “Pode participar todo o mundo; só tes que estar alí”, animou Ferro, que avanzou tamén sorpresas ao longo da xornada.
Os bloques literarios “Culto ós mortos”, de 19.00 a 19.45 horas, e “Ofrenda ós difuntos”, de 20.00 a 20.45 horas, completarán a tarde. Entre os autores participantes estará Óscar Vázquez Lima. A programación inclúe tamén un concurso de disfraces e sorteos entre as distintas actividades.
A despedida da novena edición terá lugar de 20.55 a 21.00 horas, tras dous días de convivencia e intercambio arredor da lectura e da creación literaria.


