"O Carballiño-O Ribeiro. Baixo outra mirada" nova guia fotográfica editada polo GDR9
O delegado territorial da Xunta en Ourense, Rogelio Martínez, participou na presentación da guía fotográfica "Carballiño - O Ribeiro. Baixo outra mirada" no Centro Cultural Marcos Valcárcel da Deputación ourensá. Esta guía, promovida pola Grupo de Desenvolvemento Rural Carballiño-O Ribeiro (GDR9), está composta por fotografías feitas polos membros da Asociación fotográfica carballinesa “O Potiños”.
O GDR9, en colaboración coa Axencia Galega de Desenvolvemento Rural (Agader), xestiona o plan Leader para os 19 concellos pertencentes ás comarcas do Carballiño e O Ribeiro. A través deste programa investiuse nestes municipios 2.050.000 euros destinados a máis dun centenar de solicitudes que supuxeron un investimento global de case 5.300.000 euros. A boa xestión do plan Leader por parte deste grupo de desenvolvemento rural fai posible que o GDR9 sexa considerado o mellor grupo e o máis activo da provincia ourensá e o sétimo dos 31 que existen en toda Galicia.
Na súa intervención, Rogelio Martínez fixo especial fincapé no valor turístico que presentan dous grandes recursos diferenciadores cos que contan as comarcas do Carballiño e O Ribeiro, como son o sector termal e o sector do viño. Por este motivo, gran parte das subvencións promovidas polo plan Leader no territorio do GDR9 teñen como obxectivos a potenciación e posicionamento do sector termal cara a súa optimización turística, a valorización do sector vitivinícola como base da xeración de riqueza e o apoio ao enoturismo.
A nivel provincial, o programa Leader permitiu desenvolver nesta provincia a través dos GDRs máis de 300 proxectos que supuxeron a consolidación de 669 postos de traballo e a creación de 190, cun investimento global de case 30 millóns de euros. O obxectivo é frear a despoboación rural aportando fondos cos que ofrecer alternativas económicas e creando novas zonas de desenvolvemento nesas rexións.
O enfoque Léader persegue unha aplicación do desenvolvemento rural baseado principalmente na participación da propia poboación do territorio, integrando todos os recursos e actores económicos e humanos que na comarca de actuación existan.
Ao acto de presentación da guía fotográfica asistiron o subdirector de Agader, Javier Blanco; o presidente do GDR9 Carballiño-O Ribeiro e alcalde de Leiro, Francisco José Fernández; e o presidente da Asociación Fotográfica “O Potiños”, Manuel Blanco.
Os membros de “O Potiños” cederon unhas mil fotografías para que dende o GDR9 escolleran as que máis se axustaban aos seus parámetros no intento de ofrecer unha nova visión do entorno paisaxístico das comarcas do Carballiño e O Ribeiro.