A Veracruz recuperará a iluminación orixinal deseñada polo arquitécto Palacios, que xa conta coa aprobación de Patrimonio.

O Concello do Carballiño vén de iniciar as obras de renovación integral do alumeado do templo e da praza da Veracruz, a xoia arquitectónica deseñada por Antonio Palacios.
A intervención supón un salto de calidade respecto á iluminación existente, coa sustitución dos antiguos proxectores por novos puntos de luz e a recuperación do deseño lumínico orixinal ideado polo recoñecido arquitecto porriñés.
A previsión é que a instalación da nova iluminación estea remada para antes da Festa do Pulpo, sempre e cando non xurdan imprevistos.
O proxecto, redactado e dirixido por Auditesa, foi adxudicado á empresa Acelec Instalaciones Eléctricas, cun investimento de 87.846,00 euros. A solución técnica foi consensuada coa oficina técnica de Patrimonio Cultural de Ourense, garantindo o respecto ao valor patrimonial do conxunto.
A actuación inclúe a retirada da instalación actual que discorre polo perímetro e cuberta do templo, eliminando tamén todo o cableado e substituíndo os 78 proxectores e as 11 luminarias existentes por 47 novos proxectores e 11 luminarias ambientais, todos eles con tecnoloxía LED de alto rendemento fabricados por Moonoff.
A maior parte deste novos elementos instalaranse en 4 columnas de 6 e 10 metros de altura, situadas fóra do perímetro do templo e aliñadas cos seus eixes principais. Tamén se instalarán proyectores, dirixidos cara ao templo, na casa parroquial. As novas lentes e potencias están adaptadas a cada elemento a iluminar, garantindo unha correcta direccionalidade que diminuirá a contaminación lumínica. Os únicos proxectores que estarán colocados sobre o templo serán os do interior da torre.
Precisamente, para coñecer o resultado final desta actuación, acábase de realizar unha proba nocturna, en presencia de Patrimonio, que anticipa a nova imaxen do templo, ainda que unha vez rematada a instalación da iluminación o resultado mellorará con relación ao visto na proba. Para levar a cabo esta simulación, utilizáronse grúas en substitución das columnas nas que irán colocados os proxectores.
A esta proba asistiron, ademáis de técnicos de Patrimonio e da empresa adxudicataria, os concelleiros Manuel Dacal e Alberto Otero, que amosaron a súa satisfacción polo resultado, que reafirmará á Veracruz como un dos referentes patrimonais da provincia e Galicia. “Esta intervención non só dignifica un espazo emblemático para a veciñanza e un dos lugares máis visitados polos miles de turistas que chegan cada ano á vila, senón que tamén serve como homenaxe á figura de Antonio Palacios, apenas un ano despois de celebrarse os 150 anos do seu nacemento no Porriño (Pontevedra)”, sinalaron.
Ademais da substitución do cadro eléctrico, canalizacións e conexións, o proxecto contempla o reforzo das luces do anfiteatro e a posta en valor dos volumes arquitectónicos da Veracruz, recuperando o xogo de luces concibido por Palacios e un tono de luz especial no interior do templo, que marcará “un antes e un despois”, segundo explica o inxeñeiro, Enrique Pardo, responsable da empresa adxudicataria do proxecto.
A nova iluminación mellorará igualmente a seguridade da contorna, actualmente con varias zonas escuras, e suporá un aforro enerxético superior ao 60%, contribuíndo así á sostibilidade e ao equilibrio orzamentario municipal.