Sábado 19 de xullo: A Insua dos Poetas do Carballiño homenaxea o legado cultural, político e literario de Castelao na XVII Festa da Palabra

17, Xullo 2025

O Concello do Carballiño participa este sábado na XVII Festa da Palabra da Insua dos Poetas, que nesta edición rende homenaxe ao legado cultural, político e literario de Alfonso R. Castelao (1886-1950), no 75 aniversario do seu pasamento.

O evento, impulsado pola Fundación Insua dos Poetas, converte cada verán A Esgueva (Madarnás) na capital da exaltación da cultura e lingua galegas.

“A xornada conta con moitas actividades, incluíndo a entrega dos galardóns que entregamos cada ano”, apuntou esta mañá Luis González Tosar, presidente da Fundación Insua dos Poetas, na presentación da Festa da Palabra no salón de plenos do Carballiño.

José Castro, alcalde en funcións, e Diego Fernández, concelleiro de Cultura e representante do Concello na Fundación, puxeron en valor a importancia da Festa da Palabra, así como da propia Insua dos Poetas, na conservación e divulgación da cultura galega. Nesa liña, convidaron á poboación a participar na xornada para coñecer o parque escultórico máis especial de toda Galicia.

A XVII Festa da Palabra arranca ás 11,30 horas, contará coas actuacións dos gaiteiros da Coral De Ruada e do Grupo Tres Pesos e finalizará cun xantar popular.

A porta de Castelao

Como cada ano, no transcurso da celebración descubrirase a nova instalación escultórica da Insua, neste caso realizada polo escultor ourensán Antón Pulido en homenaxe a Castelao. “Eu creo que esta peza vai ser moi significativa e distinta, non é que Castelao non teña imaxes icónicas ao longo de Galicia e Arxentina, pero son representacións realistas a maior parte dela, e o esforzo e o traballo de Antón Pulido deron como resultado outro tipo de imaxe”, explicou González Tosar.

O propio autor deu conta do proceso creativo, no que traballou conxuntamente coa Fundación Insua dos Poetas para lograr esa representación especial da figura do escritor e político galego. “Para nós, este monumento é unha metáfora da busca da identidade, da cultura ou da memoria de Galicia coa figura de Castelao como guía ou como a personificación desa meta. É unha invitación a un encontro significativo cunha parte fundamental do ser galego”, detallou Pulido.

O sábado realizarase o desvelamento da escultura por parte de autoridades políticas, dos membros da Fundación da Insua dos Poetas e do propio Pulido.

Sete galardóns

Luis González Tosar adiantou esta mañá os nomes dos sete galardoados na XVII Festa da Palabra, quenes recibirán unha escultura honorífica realizada polo escultor ourensán Acisclo Manzano. O novelista César Lorenzo recibirá o premio literario; a xornalista María Xosé Porteiro o premio lingua galega nos medios de comunicación; a Editorial Galaxia o galardón á defensa e impulso da cultura propia; o Cineclube Padre Feijóo recibirá o premio ao audiovisual en galego; a Irmandade da Sanidade Galega recollerá o galardón como colectivo destacado polo esforzo de galeguización; o CEIP Curros Enríquez de Celanova recibirá o premio protección da natureza, e Ramón Aguiño recollerá o galardón á cultura na emigración.

“Castelao escritor”

Os asistentes á XVII Festa da Palabra tamén poderán adquirir o libro “Castelao escritor”, recentemente publicado pola Editorial Galaxia con textos de Eduardo Blanco Amor editados por Luis González Tosar e Alexandre G. Corbillón. Trátase dun volume que recolle ensaios e análises que exploran a obra de Castelao e o seu papel como defensor do Estatuto de Autonomía de Galicia, como caricaturista crítico ou como autor de textos sobre a emigración e o exilio.