A Praza da Veracruz acolle a "Semana Grande para pequenos", con actividades gratuítas a diario ata o venres 1 de agosto

27, Xullo 2025

O Concello do Carballiño organiza a Semana Grande para pequenos, unha proposta dirixida ao público familiar para desfrutar de actividades lúdicas ao aire libre. O programa, incluído na oferta cultural do verán, arranca este luns 28 de xullo, e remata o vindeiro venres, 1 de agosto.

Cada día, a partir das 18,30 horas, as familias poderán achegarse á Praza da Veracruz para desfrutar dunha divertida variedade de actividades. “Queremos que os nenos e nenas do Carballiño teñan o seu oco dentro da programación cultural do verán”, destaca Diego Fernández, concelleiro de Cultura.

Así, a Semana Grande inclúe inchables, espectáculos de maxia, música, festa da escuma e moitas sorpresas máis, das que desfrutará tanto a veciñanza coma os visitantes. “É unha semana especial pensada para que as familias se acheguen e se divirtan”, engade Fernández.

O concelleiro tamén destaca o lugar escollido para a Semana Grande, que non é outro que un dos puntos máis emblemáticos do Carballiño: a Praza da Veracruz. Por último, Fernández lanza un chamamento a todas as familias: “Que axenden estes días e desfruten da programación, que vai ser moi divertida”.