O PSdeG-PSOE destaca "a aposta decidida do Goberno pola provincia, que en 7 anos avanzou como nunca antes"

28, Xullo 2025

O PSdeG-PSOE destaca a “aposta decidida” do Goberno encabezado por Pedro Sánchez pola provincia, que en 7 anos avanzou coma “nunca antes”, gracias aos “importantes” investimentos en materia de política social, emprego, mocidade e infraestruturas. As e os socialistas consideran que estes 7 anos de Goberno socialista “foron anos de política útil fronte ao ruído, de feitos contra o bloqueo, anos de crecemento, de xeración de emprego, de ampliar dereitos e de reforzar a convivencia”.

PSdeG-PSOE de Ourense e Xuventudes Socialistas ofreceron esta mañá unha rolda de prensa na que valoraron “moi positivamente” tódalas iniciativas levadas a cabo polo PSOE dende o Goberno central e que provocaron “importantes avances na provincia de Ourense”. Na rolda interviron a deputada no Congreso por Ourense, Marga Martín Rodríguez; o senador, Rafael Rodríguez Villarino, e o secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez.

A deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez, fixo balance da parte social, destacando os importantes avances en materia de emprego, de subida do salario mínimo interprofesional, de subida das pensións ou da creación do ingreso mínimo vital. “Este Goberno fixo algo que o PP dicía que era imposible, que era subir os salarios e crear máis emprego e os datos demostran que tiñamos razón porque o SMI subiu un 61% e acabamos de conseguir os 22 millóns de afiliadas e afiliados á seguridade social”.

A representante do PSdeG-PSOE de Ourense na cámara baixa puxo o foco nos datos da provincia, lembrando que en 2018, cun goberno do PP, en Ourense había 104.333 persoas afiliadas á seguridade social, namentres que hoxe son 108.226. Tamén destacou as pensións, nunha provincia que conta con 108.847, pensionistas e que pasaron de cobrar 732 euros a 976. En relación ao salario mínimo interprofesional pasou de 736 euros a 1184, beneficiando a 13.000 persoas na provincia, cunha suba mensual de 448 euros. E en relación ao ingreso mínimo vital, cabe sinalar que 11.500 persoas benefícianse hoxe del e foron máis de 9 millóns de euros os que viñeron para Ourense nesta materia.

“Estamos ante un Goberno que traballa, que xera máis emprego, que mellora os salarios, que amplía dereitos, que reforza a convivencia e que garante as pensións dos ourensáns e as ourensás”, apuntou Marga Martín. A deputada socialista finalizou afirmando que da man do PSOE “mellora a calidade de vida da cidadanía da provincia”.

Pola súa banda, o senador do PSdeG-PSOE de Ourense, Rafael Rodríguez Villarino, fixo fincapé nos importantes investimentos en materia de infraestruturas. O representante socialista na cámara alta destacou que “cando o PP tivo oportunidade de facer algo pola provincia, impediuno, bloqueando o desenvolvemento, namentres que dende o PSOE fixemos todo o contrario e impulsamos medidas para mellorar a calidade de vida e rematar coa discriminación nunha das provincias máis envellecidas do Estado”.

En relación cas infraestruturas Villarino lembrou o AVE, “que chegou a Ourense gracias a un goberno socialista, despois de que da man de Rajoy se tapiaran túneles e se paralizaran obras por importe de 1.000 millóns de euros, namentres Feijóo e Rueda impulsaban un pendello na estación de autobuses”. Neste senso tamén apuntou á variante exterior “unha obra na que se destinan polo momento 300 millóns de euros, aos que se suman outros 300 na electrificación da liña a Monforte e que o ex ministro De la Serna chegou a dicir que non merecía a pena construíla”.

Villarino tamén subliñou obras importantes como a variante norte, que “permitirá que vellos soños da cidade como o boulevard termal se fagan realidade”; os 35 millóns destinados ao complexo cultural de San Francisco; os máis de 15 millóns nas obras do Museo Arqueolóxico; os investimentos no regadío da Limia con 42,2 millóns; a mellora do saneamento do río Barbaña e da EDAR de San Cibrao con máis de 35 millóns; os 9 millóns en dixitalización; ou os 6 destinados a BRIF de Laza. “Todos estes investimentos demostran as vantaxes que ten para a provincia contar cun Goberno socialista”, finalizou o senador do PSdeG-PSOE de Ourense.

O secretario local das Xuventudes Socialistas, Miguel Gómez, puxo o foco na mocidade e nos investimentos do Goberno para os mozos e mozas da provincia”. “As becas aos estudantes permitiron impulsar o ascensor social, duplicándose as contías e beneficiando a máis de 70.000 galegos e galegas”, subliñou. Tamén puxo o foco no bono de transportes que “durante 2 anos permitiu que a mocidade e os estudantes non tiveran que pagar nada nas súas viaxes” e destacou que “o Goberno xa traballa na tarxeta de transportes única, un abono mensual que permitirá á mocidade e aos traballadores viaxar por todo o país en transporte público sen gastos adicionais”.

Gómez tamén destacou durante a súa intervención a subida do salario mínimo interprofesional, do que afirmou que “era vergoñento cando gobernaba o PP e hoxe segue medrando e resulta moi importante para a mocidade”. Por último apuntou a que este Goberno “ten proxecto e paga a pena seguir loitando”.