Tiruluque programa 10 espectáculos este outono no auditorio do Carballiño na súa Mostra de Teatro Afeccionado

28, Setembro 2025

Coa chegada do outono, volve o teatro afeccionado ao Carballiño grazas á XVIII Mostra de Teatro Amador “Terras do Orcellón”. A cita cultural, impulsada polo grupo teatral Tiruleque coa colaboración do Concello do Carballiño e da Deputación, comezará o 4 de outubro e estenderase ata o 9 de novembro.

Ao escenario do Auditorio Manuel María subirán un total de nove compañías de diversos puntos da xeografía galega, que farán rir e desfrutar ao público.

O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, destacou esta mañá, na presentación da mostra, a calidade das obras seleccionadas por Tiruleque en cada nova edición. “Sempre nos sorprenden, e este ano tamén, traen obras moi variadas de moitísima calidade”, apuntou o edil, quen agradeceu o esforzo por parte dos organizadores.

O concelleiro lanzou unha invitación á veciñanza do Carballiño e dos concellos da contorna para achegarse e desfrutar da oferta teatral. César Fernández, alcalde de Ribadavia e deputado de Cultura, tamén animou á poboación a acudir á mostra, e resaltou o papel “dinamizador” deste tipo de eventos, non só no tecido cultural e social, senón tamén no económico.

Lydia Giselle Almonte e Pepín Prada, de Tiruleque, deron conta do esforzo do grupo teatral por impulsar cada ano a mostra de teatro. Nese sentido, agradeceron o apoio do Concello do Carballiño e da Deputación e pediron que se manteña no tempo “para non poñer en perigo a mostra”.

Programación variada

A XVIII Mostra de Teatro Amador traerá moitas risas e comicidade ao Carballiño. A programación arranca o 4 de outubro coa peza “Mal do miolo” da Asociación Dramatúrxica Pico do Castro. Continúa o 5 de outubro con “De marzo a marzo”, de Opaí Teatro Canido SRD, unha obra que, pese a ter tintes dramáticos, non esquece a comicidade. “Fala dos incidentes que houbo no ano 72 na Navantia de Ferrol, durante a dictadura”, detallou Pepín Prado. “O parvo”, do Grupo de Teatro Badius, será o día 11 de outubro.

La Caja de Pandora presentará “O atranco” o día 18, e Teatro Terra de Outes presentará “O doente imaxinario… daquela maneira” o día 25. Tiruleque representará a súa peza “A conspiración da piolla” o día 26 de outubro e repetirá o 1 de novembro. “É un grupo de conspiradores que queren atentar contra un tirano”, avanza Prada, autor da peza teatral.

O público poderá desfrutar de “Os vellos non deben namorarase”, de Rebuldeira Teatro, o día 2 de novembro; “Aquí as fabas, a caldeiradas!” de Abázcaro Teatro o día 8, e “Paga e cala” do Grupo de Teatro do Hospital de Lugo o día 9 de novembro, que pechará a programación da mostra.

“Todas as obras serán ás 20,00 horas no Auditorio Manuel María, e o prezo das entradas será de cinco euros”, apuntou Lydia Giselle Almonte.