9 grupos musicais participan esta próxima fin de semana no ciclo "Feito no Carballiño"

18, Agosto 2021

Volve a música en directo no Carballiño cun ciclo no que estarán presentes diferentes estilos como o rock, o pop, o Ska, o indie, o soul ou o folk. Entre as novidades desta edición destaca a presenza do gran guitarrista de "Los Suaves" Fernando Calvo.

O ciclo de música arrancará o sábado ás 19:30h na pista roxa do Carballiño da mnn do grupo local Bahía Azul, ás 20:30h continuará a Banda da Garda coa presenza da veciña de Seoane Marta Bravo. Ás 21:30 será o gran estreo do dúo do carballiñés Alberto Estévez e a vocalista polaca Martyna Baran, SM, que mestura o pop e o rock con sonidos electrónicos e blues. Ás 22:30 soará o grupo de rock convidado Distance Sister que está composto íntegramente por mulleres e contará coa estelar colaboración de Fernando Calvo (Los Suaves). Finalmente, pechará a xornada o coñecido grupo de pop carballiñés Sueños de Ítaca.

Unha novidade con respeto da anterior edición será a presenza, durante os cambios dos grupos, doutros artistas e, nesta xornada, será o mago carballiñés Martín e o trío de música tradicional Grupo Cuba, que recibe o nome da rúa Cuba do Carballiño, pois naceu alí durante o confinamento. A xornada do domingo terá como protagonista nos cambios de grupos ao popular Ce Orquesta e comezará ás 19:30 co grupo Skadelos que dará paso aos xa vetereranos Sussie Q's ás 20:30. Ás 21:30 comezará o concerto da formación convidada de punk-rock Derroche, que ven de lanzar o seu novo disco, e precederá ao grupo Carballiñés The Impossiblues que pechará ás 22:30h a segunda edición deste festival "Feito no Carballiño".

O concelleiro de Cultura do Carballiño, Diego Fernández, organizador do evento, destacou a importanza deste festival para os grupos locais pero tamén o estímulo que supón para os músicos que están en formación na Escola de Música e no Conservatorio Municipal. Ademais, recordou que no evento, como está a ser habitual na intensa programación cultural deste verán no Carballiño, os usuarios e usuarias deberán facilitar os datos no acceso, facer uso da "mascarilla", permanecer sentados nas cadeiras habilitadas e manter a distacia de seguridade co resto do público.