Adolfo Nogueira será o Nº 2 na candidatura de Pachi Vázquez coa convicción que "O Carballiño merece outro tipo de xestión"

19, Marzo 2023

Adolfo Nogueira Campo, que estes últimos catro anos exerceu coma voceiro do Grupo Municipal será o número 2 da candidatura que presentará Espazo Común ao Concello do Carballiño nas eleccións municipais do vindeiro 28 de maio.

Nogueira, nacido en 1975, leva moitos anos formando parte activa de numerosos colectivos de toda índole do tecido social do Carballiño: deportivos, educativos, culturais, empresariais. Entre outras cousas, pódese destacar que foi fundador e primeiro presidente do Centro Comercial Aberto.

Conta xa cunha ampla experiencia no tocante ás responsabilidades institucionais e de xestión.

“Afronto este reto moi agradecido a Pachi Vázquez e ao resto de compañeiros pola súa confianza. Temos moitas gañas de seguir traballando polo Carballiño. Faise moi necesario cambiar a dinámica actual ou cando acordemos será tarde. Este pobo merece ter un futuro, este pobo merece outro tipo de xestión: seria, transparente, ambiciosa” afirmou Nogueira.

“Adolfo ten unha inmensa capacidade de traballo e coñece este Concello e este pobo coma moi poucos. O Carballiño precisa xente coma él e coma outras persoas que irán conformando a candidatura de Espazo Común nas vindeiras semanas. Xente que lle quere e que está disposta a defendelo por riba de todo” aseverou o candidato Pachi Vázquez.