Astureses, penúltima cita dos roteiros culturais do concello de Boborás

19, Outubro 2017

Un total de 80 persoas participaron o pasado domingo no Roteiro Cultural pola parroquia de Astureses guiados coma sempre polo Centro de Estudios Chamoso Lamas, e o Grupo Ecoloxista Outeiro e acompañados pola portavoz do grupo de goberno; Patricia Torres.

Desta maneira e dan man dos mellores especialistas na materia, os participantes puideron coñecer o patrimonio natural milenario agochado desta parroquia.

O inicio da visita foi onde a Capela da Saleta, nun marco de gran valor natural, así o historiador Xosé Luís Sobrado explicou a devoción a esta Virxe, procedente de Francia, e que veu da man dunha familia do lugar os Taboada. No lugar, explicou o biólogo Diego Reboredo sobre as especies alí existentes, de gran valor e que foran plantadas na súa maior parte hai moitos anos por nenos e os seus mestres. Hoxe é despois da do “Pulpo”, a maior romaría da comarca.

Xa na entrada do pobo de Astureses, Xaime Nogueira, explicou a toponimia do lugar e de todos os núcleos que a conforma. Dentro do mesmo foron coñecendo diferentes edificacións de grande porte como o Pazo dos Taboada, que aínda conserva o seu escudo.

Xa no lugar do Outeiro, Xosé Luís Sobrado falou sobre a capela alí existente, hoxe sen culto. Nun lateral hai unha inscrición na que se fai referencia a súa construción por parte de Francisco de Soto, pertencente á familia do Cervela de Pazos de Arenteiro. Antigamente tiña un escudo da familia, que logo da venta trasladouse o camposanto de Pazos. Nese mesmo lugar, Diego Reboredo explicou sobre o carballo centenario que da sombra ao espazo.

Continuaron na monumental e espectacular igrexa románica de San Xulián de Astureses, que explicou Severino Ferreiro, historiador, quen estudiou o templo. Era a igrexa da Orde do Santo Sepulcro, ata que pasou a Pazos de Arenteiro. Os entendidos cualificaron dun dos mellores expoñentes do románico en toda a provincia de Ourense. No seu interior, comprobamos mediante a interpretación dun tema musical tradicional a acústicaque posiblemente sexa a mellor das igrexas de Boborás, isto débese a súa altura e que está feita en pedra.

A visita rematou na Fábrica do Papel de Fondo de Vila, onde tamén hai un muiño, e alí o arqueólogo Jorge Lamas explicou como era o funcionamento da mesma. Durante a visita a este núcleo tamén se viron diferentes casas con inscricións e construcións importantes.

O próximo e último roteiro deste ano, será o 5 de novembro a Coto Molín, Brués.