Concello e Xunta avanzan nun proxecto de humanización das rúas do núcleo histórico de Cea

1, Abril 2022

A Xunta de Galicia estudará a posibilidade de colaborar co Concello de San Cristovo de Cea na execución dun proxecto urbanístico para mellorar o estado actual de varias rúas do núcleo urbano. Así llo trasladou a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, ao rexedor José Luis Valladares, con quen mantivo unha reunión para falar de diversos asuntos de interese municipal.

Segundo consta no proxecto achegado polo alcalde, as actuacións de mellora divídense en cinco zonas do casco antigo do núcleo de Cea nas que se intervirá co fin de crear unha pavimentación axeitada para uso peonil e tráfico lixeiro. O obxectivo é darlle continuidade á actuación de humanización finalizada neste mesmo núcleo en maio do ano pasado, co fin de complementala e dotar de uniformidade a todo o conxunto.

Tal e como explicou o alcalde, trátase dunha obra imprescindible para os veciños xa que esta zona concentra parte dos principais equipamentos e servizos municipais pero debido á tradicional actividade gandeira asociada ao núcleo de Cea, os acabados e características das súas rúas e prazas son acordes aos antigos usos o que fai necesario mellorar estes espazos de uso común como punto de encontro e esparexemento.

Pola súa parte, a conselleira comprometeuse a que a Dirección Xeral de Ordenación do Territorio e Urbanismo analizará a memoria remitida polo Goberno local co fin de valorar a súa posible implicación técnica e económica no proxecto.