A Deputación comprométese ante o alcalde de Cea a colaborar cos concellos afectados polos incendios

25, Outubro 2017

A Deputación de Ourense toma a iniciativa para cooperar cos concellos e os veciños da provincia de Ourense, "con disposición e dispoñibilidade absolutas para colaborar con outras administracións públicas co obxectivo de atender os casos de necesidade, como a reconstrución de vivendas afectadas polo lume, traídas de auga e melloras en estradas e camiños", afirma Manuel Baltar.

O presidente do goberno provincial mantivo unha reunión co alcalde de Cea, José Luis Valladares, un dos municipios que sufriu na provincia de Ourense as consecuencias do lume, xuntanza na que analizou a afectación que tivo a vaga incendiaria en poboacións en montes deste concello. Baltar afirma que este "é o momento de actuar nunha situación de emerxencia diante das graves consecuencias provocadas polos incendios, non de perder o tempo en determinar as competencias das administracións. Cómpre efectividade, cooperación e solucións, sen pararse en escusas burocráticas, porque do que se trata é de asistir a persoas que están a necesitar servizos básicos e a concellos que demandan a posta en funcionamento de infraestruturas que resultaron danadas polos incendios. Diante diso non cabe máis determinación que actuar, axudar, cooperar e amosar a total dispoñibilidade, como fai a Deputación de Ourense, na procura de solucións que palíen na medida do posible esta emerxencia", remarca Manuel Baltar.

O presidente explicou que a Deputación de Ourense axudará na tramitación das solicitudes que lle fagan chegar os concellos afectados polos lumes, "para que no menor prazo de tempo posible se poida facer efectivo o trámite e se realicen as obras de reparación necesarias". Neste sentido, o presidente da Deputación xa ten disposto axudas para cuestións xa plantexadas por concellos e asociacións, como redacción de proxectos de rehabilitación de vivendas ou traídas de augas veciñais.

Manuel Baltar reitera a "total colaboración" da institución provincial cos operativos de extinción de incendios por medio da cesión de recursos humanos e materiais da propia institución e do consorcio provincial de incendios, así como outras accións como asumir o custo íntegro dos grupos de emerxencia supramunicipal ou a elaboración dun mapa provincial de emerxencias, e subliña a necesidade "de consolidar un modelo de participación, análise e avaliación da situación, perspectivas de mellora e coordinación ante os incendios forestais e emerxencias en xeral".

Nesta liña, avanza entre as propostas poñer en marcha un sistema de información a través de dispositivos móbiles "para que os cidadáns coñezan en tempo real os lumes activos, localización, nivel e os medios e persoal que colabora na extinción", ao que se engadiría "un plan de cooperación para que os concellos dispoñan de plans municipais de prevención e defensa contra incendios forestais e os integren nos plans de emerxencia municipais".