A Deputación demandará a mellora dos servizos ferroviarios entre O Carballiño e Ourense, tras unha proposta do deputado socialista Diego Fernández.

28, Abril 2023

O PSdeG-PSOE logrou o acordo unánime do pleno da Deputación Provincial de Ourense, para reclamar melloras nos servizos ferroviarios de Media Distancia de Galicia que Renfe presta actualmente, baixo un contrato de Obriga de Servizo Público, así como a creación dun novo servizo Media Distancia que una a terceira cidade de Galicia con Pontevedra e Vigo empregando as liñas de alta velocidade existentes.

Concretamente, a iniciativa aprobada pide a Renfe e ao Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma) á ampliación de frecuencias no Avant, establecendo un novo servizo diario ás 21:00 horas sentido A Coruña>Santiago>Ourense, co fin de suplir a ausencia de relacións a partir das 19:50 horas. Tamén atrasar ás 06:30 horas o Avant que sae da Coruña sentido Ourense ás 05:55 horas e ás 15:30 horas o que sae da Coruña cara Ourense ás 15:10 horas, co fin de poder ofrecer un servizo máis eficiente aos usuarios e usuarias desprazados a centros de traballo ou estudo.

O pleno da Deputación Provincial tamén pide mellorar a conexión entre Ourense e O Carballiño, así como coas comarcas de Lemos e Valdeorras, creando novos servizos, recuperando os suprimidos pola pandemia e adaptando os horarios, na medida do posible, ás necesidades expostas polas plataformas de usuarios e usuarias.

A aprobación dun plan de puntualidade para Galicia tamén foi referendada por todos os grupos políticos e, para iso, entre outras cuestións, o texto reclama ao Adif eliminar as limitacións temporais da velocidade e a posta en servizo do sistema ERTMS entre Vigo e A Coruña e en toda a a liña Ourense-Santiago.

O deputado, Diego Fernández, salientou que “os actuais servizos que unen o Eixo Atlántico e Ourense, en liñas xerais, son rápidos, cómodos e eficientes”, pero creen que “hai marxe de mellora, sabendo, ademais, que estamos ante trens sufragados con fondos públicos”, unha situación que se intensificou desde 2022 coa activación dos abonos gratuítos aprobados polo Goberno central, que supoñen unha maior transferencia directa de fondos públicos.