Deputación e Xunta colaboran co concello de Piñor para a construcción dun edificio multiusos, o proxecto ascende a máis de medio millón de euros

11, Outubro 2021

A Xunta de Galicia e o Concello de Piñor, a través da Deputación provincial de Ourense, colaborarán na construción dun edificio de usos múltiples no municipio destinado a albergar diferentes actividades de carácter social e deportivo e cun investimento estimado de máis de medio millón de euros.

Así o comprometeron a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde piñorense, José Luis González, mediante a sinatura do correspondente convenio para executar as obras e fixar os termos da colaboración técnica e económica entre ambas administracións.

En concreto, o obxecto é dotar ao concello de Piñor dun novo edificio multifuncional que constará de planta baixa —na que se localizará unha das salas do edificio, os aseos, o cuarto de instalacións e o almacén— e primeiro andar —onde irá outra sala de maiores dimensións dotada con gradas retráctiles, almacén e unha solaina—, conectadas entre si por unha escaleira e un ascensor.

Para levalo a cabo, como explicou a conselleira, o primeiro paso será rozar e preparar a parcela escollida para acoller a futura instalación, que contará cunha superficie total construída de 372,97 metros cadrados.

Cun custo inicialmente estimado en 513.196,33 euros —o 70% achegado polo departamento autonómico e o 30% restante, polo Goberno local, a través dun convenio subscrito coa Deputación—, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso da Xunta á hora de apoiar aos municipios co fin de promover actuacións que, como esta, dinamicen as vilas galegas e melloren a calidade de vida dos cidadáns.

“Seguimos apostando polos concellos e seguimos coordinándonos entre as distintas administracións co mesmo fin: darlle máis e mellores servizos aos veciños e veciñas do rural galego”, declarou.

O alcalde, pola súa parte, agradeceu a achega económica da Xunta e da Deputación para poder levar a cabo este edificio multiusos, proxectado na mesma parcela que albergará o novo albergue de peregrinos e que, segundo dixo, será realidade “a finais do ano 2022”.