A Deputación presenta o proxecto EmprendOU para o Ribeiro e co obxetivo de afrontar o reto demográfico

10, Outubro 2019

A deputada provincial do Reto Demográfico, Igualdade, Benestar e Emprego, Luz Doporto, expuxo hoxe as liñas básicas do proxecto EmprendOU, posto en marcha polo goberno provincial para afrontar o reto demográfico, aos alcaldes da comarca do Ribeiro co obxectivo de "chegar a tódolos cidadáns e implicar na difusión desta iniciativa ás administracións públicas máis próximas á veciñanza", sinalou Luz Doporto.

Na reunión, a deputada provincial do Reto Demográfico explicoulles aos máximos responsables dos municipios do Ribeiro, a importancia desta iniciativa a través da cal a Deputación de Ourense concede axudas de 675 euros ao mes para mozos que presenten proxectos empresariais ou de auto - emprego en municipios rurais de menor poboación, no marco do proxecto EmprendOu, financiado polo Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo (axudas EMP-POEJ).

Luz Doporto, quen visitará tódalas comarcas da provincia con esta finalidade, salientou o traballo que a Deputación de Ourense está a desenvolver para afrontar o reto demográfico situando a cuestión do "despoboamento do rural nunha das prioridades da folla de ruta deste goberno".

Mostra dese compromiso, a Deputación puxo en marcha o proxecto EmprendOU para apoiar a nova actividade empresarial das persoas que teñen entre 16 e 30 anos para que poidan crear o seu propio posto de traballo, xa sexa individual ou formando parte dunha persoa xurídica de carácter mercantil, e o fagan naquelas áreas rurais afectadas polo gran desafío demográfico, os que se denominan "municipios elixibles", en concreto, son 82 os concellos da provincia que poderán beneficiarse deste proxecto.

Para elo, a institución provincial puxo en marcha un Punto de Atención ao Emprendedor, en convenio co Ministerio de Industria, Comercio e Turismo, que atenderá ao emprendedor no seu propio municipio desprazándose, deste xeito, a administración provincial ao territorio.

Este PAE será un soporte que facilitará a creación de novas empresas, o inicio efectivo da súa actividade e o seu desenvolvemento, a través da prestación de servizos de tramitación de documentación e apoio, permitindo a creación da empresa nos municipios máis rurais en tan só 48 horas.

A dispoñibilidade orzamentaria para este programa de emprendemento ascende aos 2.025.000 euros, sendo a contía da axuda concedida ás persoas beneficiarias deste Proxecto de 675 euros por cada mes de exercicio efectivo, cun mínimo de 6 meses e un máximo de 12 meses.

As persoas destinatarias do Proxecto EmprendOU será a mocidade de entre 16 e 30 anos, non ocupados e non integrados nos sistemas de educación ou formación, independentemente do seu nivel formativo, e que estean inscritos no Sistema Nacional de Garantía Xuvenil, no marco do Programa Operativo de Emprego Xuvenil do Fondo Social Europeo.

Ademais, deberán residir durante todo o período de vixencia da axuda nalgún dos "municipios elixibles", podendo participar tanto a mocidade xa residente como aquelas que retornen ou se instalen nestes municipios.

Para máis información: https://www.emprendou.com/