A Deputación reedita en 2023 o programa de fomento da natalidade, que outorga ata 500 euros por nacemento nos concellos en declive demográfico

13, Febreiro 2023

A Xunta de Goberno da Deputación de Ourense, reunida no Pazo Provincial baixo a presidencia de Manuel Baltar, aprobou as bases do programa ChegOU 2023 para o fomento da natalidade, que nesta nova convocatoria inclúe na súa cobertura ás persoas desprazadas pola guerra de Ucraína e que foron acollidas en distintos puntos da provincia.

As bases do programa sinalan que a guerra en Ucraína obrigou a moitas persoas, na súa gran maioría mulleres, a fuxir do país coa súa familia, mesmo con recen nacidos ou en estado de xestación, deixando atrás os seus traballos e modo de vida. Así, poderán acceder ás subvencións aquelas persoas que se atopen en situación de “desprazadas por conflito armado” e teñan un fillo en 2023, ampliando esta posibilidade con carácter retroactivo excepcional ao ano 2022.

Cun orzamento de 325.000 euros, as subvencións para o fomento da natalidade do programa ChegOU, que xestiona a Área de Benestar da Deputación, están dirixidas a todas aquelas persoas que entre o 1 de xaneiro e o 31 de decembro de 2023 teñan un fillo, adopten ou accedan á tutela de menores. As contías das subvencións corresponderanse coa clasificación dos concellos en cuxo rexistro civil se inscriba o menor, é dicir, 300 euros no caso dos concellos sen prioridade demográfica (grao 0) e para os municipios con prioridade de grao 1 e 2. As axudas serán de 500 euros para os concellos con prioridade de grao 3. As solicitudes poderán presentarse ata o 31 de decembro de 2023, aínda que no caso de que o nacemento, a adopción ou tutela tiña lugar entre o 1 e o 31 de decembro de 2023, o prazo ampliarase ata o 15 de xaneiro de 2024.