Desconecta: un obradoiro de actuación fronte ao uso abusivo do móbil e outras pantallas nos menores

9, Xuño 2022

O Programa complementario de educación e apoio familiar do Concello de Piñor organiza un obradoiro para pais e nais, e persoas interesadas en xeral, destinado a ofrecer destrezas e habilidades para reaccionar ante as situacións/problemas cos menores no que se refire o uso/abuso de teléfonos móbiles e outras pantallas, como as tablet. Trátase dunha iniciativa totalmente innovadora posto que non consiste nunha mera charla informativa sobre as consecuencias negativas do uso das novas tecnoloxías nos menores, pois calquera pai e nai pode ter acceso a dita información por moitos medios, se non que se trata dun obradoiro eminentemente práctico, impartido por unha psicóloga especialista en intervención en conduta infantil.

O Programa de Educación Familiar, que se leva ofrecendo dende o Concello de Piñor dende o ano 2006, é servizo que ademais de trallar de forma individualizada coas familias diferentes problemá-ticas (menores en situación de risco ou desamparo, conflitividade familiar, dificultades educativas, drogodependencias, etc) tamén leva a cabo actividades comunitarias que permitan traballar as-pectos preventivos que favorezan o desenvolvemento axeitado da familia e infancia. Dende devan-dito programa, financiado pola Consellería de Política Social e polo programa operativo FSE Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión á pandemia da COVID-19, levarase a cabo a actividade #DESCONECTA: OBRADOIRO DE ACTUACIÓN FRONTE O USO ABUSIVO DE MÓBIL E OUTRAS PANTALLAS NOS MENORES.
#DESCONECTA é unha charla interactiva para familias a través da cal se pretende abordar a problemática do uso continuo (e abuso) de dispositivos nos menores. Neste espazo de diálogo, ademais de compartir os perigos do seu emprego abusivo, ofreceremos estratexias e alternativas ó seu uso e presentaremos aplicacións educativas axeitadas ás idades e necesidades dos nosos cativos. Por outra banda, será un espazo onde compartir e aprender a xestionar a frustración que nos aboca como pais/nais ou educadores/as no noso día a día as diferentes situacións derivadas da problemática do uso excesivo das novas tecnoloxías.

A actividade terá lugar o vindeiro venres 17 de xuño ás 17:30h no Centro Social de Albarona. Para fomentar a máxima asistencia, o Concello de Piñor pon a disposición das familias interesadas un servizo de conciliación, no cal se prestará atención gratuita a cativos de entre 3 e 12 anos (previa solicitude no concello).