A empresa carballiñesa Gesmedical doa 3.500 quilos de productos alimenticios, que serán distribuidos polo Banco de Alimentos

30, Abril 2020

O presidente da Deputación de Ourense, Manuel Baltar, participou xunto ao conselleiro delegado de Gesmedica- Dis S.L., Jesús Pérez González, e o presidente do Banco de Alimentos de Ourense, Cecilio Santalices, no acto de recepción de 3.500 quilos de produtos alimenticios -cuxo valor supera os 7.500 euros-, que a Deputación entregou ao Banco de Alimentos, na súa estratexia de cooperación contra a pandemia do COVID-19. Baltar agradeceu a Gesmedical Dis "este importante xesto de solidariedade e colaboración, que fala alto e ben da responsabilidade social desta empresa, nun momento no que todos debemos actuar unidos #ante esta crise, e onde o ámbito económico xoga un papel fundamental", expresou o presidente da Deputación de Ourense.

A iniciativa solidaria da Deputación de Ourense e de Gesmedical forma parte da estratexia de cooperación do goberno provincial contra a pandemia no ámbito social, unha iniciativa á que se une a adquisición, días pasados, por parte da Deputación de 41.000 máscaras, 40.000 luvas e 450 litros de xel desinfectante -material entregado ao Posto de Mando Avanzado para repartir entre os concellos de Ourense-, e á doazón de 800 botellas da empresa Lixivia Sarmiento e tamén a achega da firma Adolfo Domínguez, que doou material sanitario. "Todo forma parte da estratexia que está a desenvolver a Deputación de Ourense, en colaboración con empresas e traballando coordinadamente coa Xunta de Galicia, para impulsar accións sociais e de planificación para a reactivación económica, dirixidas a combater os efectos que a crise do Covid-19 está a provocar na nosa sociedade", explica Baltar.

Precisamente, as medidas aprobadas onte en pleno -8,2 millóns de euros- intégranse nunha das liñas prioritarias do goberno do presidente Baltar: as axudas a autónomos, comercio e Pemes, que son máis de 4.000 en toda a provincia de Ourense, estratexia da que tamén forma parte a medida de destinar 400.000 euros para material sanitario, aprobada días pasados pola Xunta de Goberno da Deputación, que na súa reunión de hoxe deu luz verde a axudas económicas para infraestruturas, servizos e termalismo en concellos da provincia, contempladas nos orzamentos de 2020 da Deputación. Os concellos beneficiarios son: Bande, O Carballiño, Montederramo, Riós, San Cristovo de Cea, Toén e Vilar de Santos.