"A Fada das Neves" dos Arrieiriños de Dacón gaña o primeiro premio do carnaval 2015

17, Febreiro 2015

A Comparsa "A fada das neves" da Asociación "Os Arrieiriños de Dacón" levouse o primeiro premio -1.300 euros- do concurso do gran desfile do entroido 2015. O xurado outorgoulle unha puntuación de 36,42 puntos. A comparsa daconense repite asi o éxito neste concurso, que xa gaña por terceiro ano consecutivo.

Moi preto, con 35,82 puntos, o segundo premio -1.000 euros- correspondeu á "Revolución Azucarada" da agrupación dos Azucarados de Maside. Nesta axustadísima votación, na que o xurado valorou entre outros aspéctos, a  orixinalidade, vestiario, empatía, coreografía, a ainmación ou a carroza, o terceiro premio -800 euros- foi para a "Fantasía doque o vento levou", da Asociación Cultural O Castro de San Amaro.

Para  a "Invasión dos bechos" da Asociación do Freixo, do concello de Crecente, foi o cuarto premio -400 euros-. "A Carapuchiña Vermella" da comparsa dos Trangallás do Irixo quedaronse co quinto premio -350 euros-, e finalmente o sexto -350 euros- foi para "A panda do Arenteiro" do colexio carballiñés Vila do Arenteiro.

O gran desfile do entroido carballiñés foi seguido por miles de persoas durante o seu percorrido polas rúas máis céntricas do Carballiño, nunha tarde de inverno soleada pero de moito frio, de apenas 7 graos ás horas do desfile, aínda que a sensación térmica era bastante inferior á temperatura que marcaban os termómetros.

Concederonse cinco accesits de 60 euros a "Os nevadiños de San Amaro", "Soños de papel", "Grupo de voluntarios da Cruz Vermella", "Calloboys" e "Os Tiroleses".