A Festa de Exaltación do Pan de Cea, sábado e domingo, agarda convocar a miles de visitantes: consulta aquí toda a programación.

29, Xuño 2022

A Festa de Exaltación do Pan de Cea chega á súa vixésimo novena edición agardando superar un novo récord de vendas. “Hai dous anos quedamos a mediodía sen existencias, polo que nesta ocasión poremos á disposición do público preto de 2.000 pezas”. Así o indicou o presidente do Consello Regulador da Indicación Xeográfica Protexida (IXP) Pan de Cea, Carlos Rodríguez, esta mañá na presentación da XXIX Festa de Exaltación do Pan de Cea, que se desenvolverá esta fin de semana no Campo da Saleta.

Rodríguez anunciou tamén que a XXIX Festa de Exaltación do Pan de Cea contará como pregoeiro con Jose Manuel Vázquez Rodríguez, xefe de Cardioloxía do Complexo Hospitalario Universitario de A Coruña e nado en San Cristovo de Cea, quen será presentado por Marisa Crespo Leiro, recentemente nomeada filla predilecta deste concello é que tamén é unha cardióloga e investigadora destacada.

Na rolda de prensa tamén participaron o presidente da Deputación provincial de Ourense, José Manuel Baltar, e o alcalde de San Cristovo de Cea, José Luís Valladares. Ambos gabaron as cualidades deste produto con indicativo de calidade e auguraron un novo éxito de convocatoria para esta exaltación gastronómica.

O presidente do Consello Regulador desglosou o programa de actividades para esta fin de semana. A xornada grande, o domingo 3 de xullo, comezará a partires das 10.00 horas cun pasacalles a cargo de diversas charangas. Xa ás 12.00 horas terá lugar a recepción de autoridades no Campo da Saleta.

A continuación, Jose Manuel Vázquez Rodríguez e Marisa Crespo Leiro pronunciarán o pregón da Festa de Exaltación do Pan de Cea. Unha vez finalizada a súa intervención, ofrecerase unha degustación de produtos galegos con distintivo de calidade. A Charanga CLK e Feitizo de Pau e Troula Group encargaranse da amenización musical.

Xa ás 14.30 horas terá lugar o tradicional xantar organizado. “Temos a previsión de que acudan unhas 400 persoas”, concretou Carlos Rodríguez. Ás 19:00 horas haberá unha degustación gratuíta de chourizos ao viño con Pan de Cea. O final de festa comezará a partires das 20.00 horas, con orquestra.

Durante toda a xornada, haberá un espazo expositivo no que participarán unha vintena de empresas de diversos sectores. Artesanía e gastronomía daranse cita nesta mostra feiral, que se complementará co stand institucional onde se exporán produtos amparados por distintos Consellos Reguladores agroalimentarios galegos e co expositor do Instituto Ourensano de Desenvolvemento Económico (Inorde).

VIII Ruta dos Fornos e animación musical, o sábado 2

Aínda que a xornada grande do Pan de Cea será o domingo 3 de xullo, o sábado 2 de xullo terá lugar a oitava edición da Ruta dos Fornos. “O público poderá visitar os 6 fornos antigos, un máis ca en edicións anteriores, gozando de experiencias gastronómicas singulares en cada un deles”, concretou o presidente do Consello Regulador.

A VIII Ruta do Fornos poderase percorrer este sábado 2 de xullo, entre as 18.00 e as 22.00 horas. As propostas gastronómicas nos seis fornos participantes son as seguintes:

A) Forno do Lodairo: pepito de IXP Ternera Gallega, embutidos tradicionais, DOP pementos de Herbón, viño branco e tinto, cervexa Estrella Galicia e auga
B) Forno do Parapeta: queixos das DOP de Galicia, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
C) Forno do Santo: empanada de Pan de Cea, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
D) Forno do Abade: mexillóns ao vapor, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga
E) Forno da Cebola: tortilla de IXP Pataca de Galicia, embutidos tradicionais, viño branco e tinto (apto para persoas celíacas)
F) Forno da Eira: xamón a corte, embutidos tradicionais, viño branco e tinto e auga

A VIII Ruta dos Fornos combinarase coa animación musical das agrupacións Charanga CLK, Candaira, Feitizo de Pau, Pandereteiras de Cea, Pandereteiras de Celavella e Pratos Mornos. O concerto final da oitava edición desta ruta correrá a cargo do grupo Movilla y los Irresistibles, ás 22:45 horas, e Gin Toni’s, ás 0:30horas; ambos os dous na Praza Maior de San Cristovo de Cea,.

Incremento da produción

Con respecto á comercialización de produtos da IXP Pan de Cea, Carlos Rodríguez indicou que “aumentamos a produción un 3% con respecto ao ano 2020, chegando case as 700.000 pezas”. Este incremento débese a “unha maior demanda dos nosos produtos amparados por parte doutras rexións españolas, como Comunidade Valenciana e Andalucía, aínda que seguimos mantendo presenza nos nosos mercados habituais en Madrid, País Vasco e Cataluña”, explicou o presidente. Na actualidade, son 13 os fornos tradicionais inscritos no Consello Regulador, os mesmos que o ano pasado.