A Mancomunidade celebra o "dia internacional da discapacidade" con distintas actividades

3, Decembro 2009

Coincidindo coa conmemoración do "dia internacional da discapacidade" que se celebra o dia 3 de decembro, a Mancomunidade de Concellos, que integran Boborás, Beariz, O Irixo, San Amaro e San Cristovo de Cea, presentou o programa de actividades organizadas polo departamento de servizos sociais en colaboración coa secretaría Xeral de  Traballo e Benestar da Xunta de Galicia. Trátase dun conxunto de actividades orientadas as persoas con discapacidade, e tamén ás súas familias e colaboradores, e consistirán nunhas xornadas de convivencia que se desenvolven durante esta semana e obradorios de sensiblización que terán lugar nos colexios públicos dos distintos concellos entre os vindeiros dias 9 ó 12 deste mes de decembro. O edificio multiusos de Cea acolleu esta mañá o primeiro destes actos, que contou coa presencia dos responsables da Mancomunidade e numeroso público, que tivo ocasión de participar en obradoiros de habilidades, tanto manuais como sociais. O alumnado do centro ocupaciónal de ASPADISI fixo unha demostración de traballos, e posteriormente os participantes trasladaronse atá a Casa Grande de Dadín, xa no Concello do Irixo, onde se celebrou un xantar convivencial, seguido dunha tarde de xogos e animación musical. Estas xornadas de convivencia continuarán con outras iniciativas no resto dos dias da semana, como serán obradoiros de memoria, unha visita programada á "ruta do pan de Cea" ou a práctica de distintas modalidades deportivas adaptadas ás persoas con discapacidade.