A Mancomunidade leva o curso "Como Educar" a cinco concellos da Comarca

21, Maio 2018

Dende o Programa de Educación Familiar da Mancomunidade de Concellos de O Carballiño veñen de presentar un paquete de charlas formativas dirixidas ás familias e destinadas a apoiar a súa labor educativa na crianza dos fillos e fillas, tratando temáticas de especial relevancia na actualidade que promovan a prevención, evitando así a aparición de diversas problemáticas, que se desenvolerán nos cinco concellos que integran a entidade intermunicipal.

Educar nunca foi tarefa sinxela, ó que de debemos sumar a existencia de novas realidades que veñen a dificultala aínda máis, e nos poñen fronte a novos retos educativos que requiren maiores habilidades e recursos para as familias. A finalidade deste grupo de charlas é precisamente apoiar ás familias e dotalas das ferramentas necesarias para facer fronte ás súas dificultades diarias. Os temas a tratar son diversos e impartidos por profesionais especializados en cada ámbito.

As diferentes xornadas formativas desenvolveranse ó longo do ano 2018 e 2019, de forma periódica, co fin de facilitarlle a asistencia ás persoas participantes e non sobrecargalos, sendo coñecedores da gran cantidade de carga de responsabilidades diarias que ostentan as familias e que limitan o seu tempo libre para formación. O curso “CÓMO EDUCAR” dará comezo cunha primeira charla sobre unha problemática de especial relevancia, o Grooming.

O manexo das novas tecnoloxías por parte dos menores é cada vez máis temperá, facéndoo moitas veces de forma autónoma e sen supervisión, e sen coñecemento real da perigosidade que entraña. Ademais, os pais e nais adoitan carecer das ferramentas necesarias para facer fronte a esta situación. Neste contexto, debemos ter en conta que hai persoas que se dedican a enganar e manipular ós menores para satisfacer os seus desexos sexuais.

A pedofilia produce un temor fulminante nas familias, e xa que non poden influír na conduta desviada destas persoas, o que si poden é educar ós seus fillos e fillas no bo uso da Internet e nas sinais de alerta temperás que deben notificar, para estar protexidos e sentirse seguros.

Baixo o título GROOMING: abusos infantís a través da Internet. Introdución segura das novas tecnoloxías nos menores, persoal da Garda Civil especializado neste tema ofrecerá pautas de detección e actuación ante esta problemática, incidindo tamén nas metodoloxías educativas para introducir ós menores nas novas tecnoloxías dun xeito seguro.

Esta primeira xornada formativa terá lugar nos cinco concellos integrantes da Mancomunidade de Concellos de O Carballiño, requirindo inscrición previa, posto que una vez finalizado todo o curso farase entrega duns diplomas que acrediten a participación:

PIÑOR CENTRO SOCIAL Luns 28 de Maio, 19h a 20:30h

SAN AMARO CONCELLO (Salón de Plenos) Mércores 6 de Xuño, 18h a 19:30h

O IRIXO CONCELLO (Salón multiusos) Mércores 27 de Xuño, 18h a 19:30h

BOBORÁS CONCELLO (Salón de Plenos) Mércores 4 de Xullo, 18h a 19:30h

BEARIZ CONCELLO (Salón de Actos) Luns 9 de Xullo, 18h a 19:30h

As persoas interesadas deben inscribirse no concello correspondente. O curso CÓMO EDUCAR está conformado por un total de 4 charlas formativas. A seguinte sesión versará sobre educación sexual e terá lugar no mes de outubro, mentres que as últimas dúas xornadas se celebrarán no primeiro semestre do ano 2019, das cales se informará coa antelación necesaria.

Na foto, o Presidente da Mancomunidade Manuel Cerdeira e a Vicepresidenta Patricia Torres.