Marnotes: " entendo a preocupación dos colectivos con problemas, pero non comparto a idea de quenes pretenden crear un clima de crispación que non se axusta á realidade".

25, Febreiro 2015

O alcalde do Carballiño mostra a súa estrañeza ante o feito de que, xusto agora, se cre unha plataforma que engloba distintos colectivos laborais da vila "cando precisamente agora se están a solucionar todos os asuntos relacionados coas queixas destes traballadores".

Estas declaracións foron manifestadas tras coñecer a intención da plataforma de esixir solucións ao concello aos seus problemas.

O alcalde sinalaba que "precisamente este martes xa entregamos aos grupos da oposición o prego técnico e administrativo de contratación para a súa análise en comisión informativa a celebrar este xoves, que será n os documentos que rexerán para a nova empresa que xestionará o servizo de asistencia domiciliaria, un servizo que temos que deixar claro, nunca deixou de funcionar e en todo momento os usuarios estiveron atendidos. Este prego de contratación estará aprobado por pleno a próxima semana e, polo tanto, o proceso de adxudicación xa está en marcha".

Por outro lado, e en relación co matadoiro, Argimiro Marnotes mantén que "como xa saben os extraballadores deste servizo, porque manteño reunións con eles cada vez que adiantamos pasos para abrir esas instalacións, se está a ultimar o prego para dar funcionamento ao matadoiro, polo que é un problema que en pouco tempo estará tamén resolto,", e  aclara que a condición de extraballador non garante para nada a de traballador na seguinte adxudicación pois no prego é unha cuestión que non se pode formular.

En canto ao servizo de emerxencias "creo que manifestamos dende o grupo de goberno, que é un porblema que nos preocupa a todos, e por iso xa solicitamos o permiso á Xunta de Galicia, que é competente neste tema, para poder contratar operarios de emerxencias ata que estea en funcionamento o Parque de Bombeiros. E non é que pedísemos o permiso soamente, é que estamos a insistir para que se de canto antes. Somos conscientes que unha poboación como O Carballiño non pode estar sen este servizo, e por iso a nosa presión ante a Xunta. O pasado ano, solucionámolo por tres meses e este ano tampronto teñamos autorización farémolo ata 31 de decembro".

Finalmente, en relación coa Residencia de Tempo Libre, o alcalde carballiñés recordou "que o concello non pode abrir ou pechar esas instalacións, xa que son dependencias daXunta de Galicia, pero se pode, como está a facer dende que adquiriu ese compromiso, realizar todo tempo de campañas ou contactos para que estas abran o maior número de días posible. Entre as accións que esta realizando o actual grupo de goberno están a campaña divulgativa, a través da súa área de Turismo, para que se coñezan as instalacións e as posibilidades que ofrece. O pasado ano xa se conseguiu, grazas ás xestións do concello, que abrira maior tempo, para dar cabida a unha produtora de cine que realizou unha das principais producións galegas do ultimo ano, coa súa sede precisamente na Residencia carballiñesa".

Por outro lado, "as xestións realizadas persoalmente polo alcalde, van permitir que os días 25 e 26 de abril, a residencia de tempo libre estea operativa para albergar os participantes dun festival cultural organizado por unha asociación vinculada a Carballiño", subliña.

Entende o rexedor municipal que os colectivos queiran obter respostas aos seus problemas, o que xa non entende "é que se pidan cando xa se coñece a solución destes, a miña obriga como alcalde é precisamente preocuparme e xestionar as solucións, na medida da capacidade que ten a institución municipal que dirixo, todo o que afecte aos nosos veciños, e é iso precisamente o que estamos a facer dende o grupo de goberno, o resto, buscar titulares, ou aproveitar momentos preelectorais por parte dalgúns, é cousa dos que pretenden crear un clima de crispación que, grazas a unha boa xestión, non se axusta á realidade", sentencia.