Maside recibe máis de 200.000 euros do Plan do Goberno Central para a mellora de edificios públicos. Serán investidos na rehabilitación do antigo Grupo Escolar da Alameda, para adaptalo a un novo centro cultural.

4, Novembro 2022

O subdelegado do Goberno en Ourense, Emilio González, constatou esta mañá nunha visita ao Concello de Maside que “o Plan de Recuperación do Goberno está a chegar a todo o territorio” e puxo en valor máis de 200.000 euros que recibirá este municipio de Maside para a rehabilitación do antigo Grupo Escolar da Alameda de Maside.

O subdelegado visitou as instalacións acompañado polo alcalde de Maside, José Manuel Iglesias Araujo. Esta actuación promovida polo concello de Maside é unha das beneficiarias da Liña 1 do Programa de Impulso á Rehabilitación de Edificios Públicos (Pirep local), incluído no Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia (PRTR).

Despois de presentar alegacións á resolución provisional publicada polo Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (Mitma), o Concello recibirá máis de 200.000 euros para a súa rehabilitación e acondicionamento, con obras que inclúen actuacións de eficiencia enerxética e illamento do edificio ou substitución de cuberta e carpintería exterior illante.

O subdelegado felicitou o alcalde e os autores do proxecto arquitectónico por ser o único seleccionado na provincia, e que contempla actuacións de ODS (obxectivos de desenvolvemento sostible) de sustentabilidade en concorrencia competitiva.

A rehabilitación financiada polo Plan de Recuperación permitirá crear un espazo de uso público, multidisciplinar e cultural, asociativo e formativo para uso e goce dos veciños de Maside.

O subdelegado destacou que “supón un investimento importante a través dos fondos PRTR e do programa PIREP local en concellos de menos de 5.000 habitantes”.

“Maside é un exemplo de como o Goberno está chegando co Plan de Recuperación a todo o territorio para mellorar a calidade de vida da cidadanía”, manifestou o subdelegado. A obra deberá estar rematada en setembro de 2024.