Medio Rural colaborará co concello de Beariz na mellora do vial Doade-Correa

21, Febreiro 2018

A conselleira do Medio Rural, Ángeles Vázquez, recibiu en San Caetano ao alcalde de Beariz, Manuel Prado, para atender as demandas relacionadas co seu departamento.

En concreto, avanzaron na posibilidade de colaborar na adquisición dun tractor con rozadora para a limpeza das faixas de xestión de biomasa e previr incendios forestais neste municipio.

Neste senso, a conselleira trasladoulle ao alcalde que o pasado ano se destinou algo máis de 3 millóns de euros na compra de 35 tractores con dous apeiros para rozas.

Para este ano, salientou, está comprometido un orzamento similar e terase en conta a súa solicitude á hora de determinar os concellos beneficiarios destas achegas. Noutra orde de cousas, ambos dirixentes analizaron as obras de mellora de camiños levadas a cabo no municipio, para as cales houbo un investimento por parte desta consellería de 113.120 euros nos últimos catro anos.

Así mesmo, están orzados outros 31.320 euros na convocatoria deste ano para mellorar o camiño que vai dende Doade a Correa.