O Alcalde de Avión repasa a actualidade municipal na "Mañá de COPE"

26, Xullo 2013

( Redacción. Estefanía Bernández ) O Concello de Avión está moi marcado pola emigración, non só mexicana, senón tamén arxentina, alemana, venezolana, estadounidense, e de outras nacionalidades que voltan cada verán ás súas raíces.  A emigración foi variando as súas datas pero a maioría concéntrase a finais de xullo e principios de agosto, polo que agora estamos no punto álxido de afluencia.

Esta maior concentración fai idónea a celebración de festas, como a Festa Mexicana que se celebra o último venres de Xullo e as festas patronais que serán o 3,4, e 5 de agosto, ambas na capitalidade municipal. Ademáis, durante Xullo e Agosto cada parroquia do municipio celebra a súa festa.

Un dos factores que fixo que a emigración disminuise durante os últimos anos foi a entrada do euro. “A situación económica afecta, pesa moito e a afluencia de visitantes disminue, pero a morriña e o arraigo familiar fan que volten” decía Montero.

 A emigración non só se mantén na xente maior “cada vez vemos xente máis nova, o que nos agrada. É importante manter o cariño hacia a patria”. Avión é un concello rural que sen o apoio dos que veñen de visita non sería igual.

 O aumento de xente no periodo estival fai que teñan que aumentar os servizos públicos. Moitos deles vense incrementados como  a recollida de lixo, persoal de desbroces, deportes, piscina municipal, actividades culturais…

Avión tamén conta cunha brigada de incendios que xa está operativa, e ao igual que as do resto da comarca farán tareas de limpeza mentras non se requiran para incendios. Ademáis desta brigada, tamén contarán por primeira vez cun Grupo de Emerxencias Supramunicipal, os GES, que comezarán a mediados de agosto.

Esta localidade xa contaba cun grupo de Protección Civil e dúas ambulancias que seguirán prestando esos servizos. Como nos contaba o alcalde, os primeiros minutos de actuación son os máis importantes e a lonxanía do Carballiño, onde se ubicará o parque intercomarcal de bomberios, fan necesarios este grupo de emerxencias.

Antonio Montero tamén nos falaba das obras do programa AGADER. “Son proxectos prácticamente rematados e pendientes de que se poidan utilizar”.  Estas obras consistiron na ampliación do comedor do Centro Integral de Servizos Sociais “Alvetus” para prestar mellor servizo e tamén na ampliación do centro de día, para que poidan estar máis cómodos, “os servizos sociais sempre son prioritario para nos”, manfestaba o rexedor.

As obras tamén beneficiaron as instalacións da piscina pública climatizada.