O Arenteiro arranca un punto no campo do líder C. Areas, 0-0.

31, Marzo 2013

O C.D. Arenteiro pudo gañar os tres puntos pero a fortuna aliouse coa Cultural Areas, ata por dúas veces os paus da portería local repeleron nos últimos minutos os balóns dos dianteiros carballiñeses. Antes, o Arenteiro dispuxera dunha inmellorable ocasión para marcar e o árbitro non quixo ver unha xogada na área local, na que os xogadores do Arenteiro reclamaron con insistencia penalti sobre Pablo Piñeiro.

C.D. Arenteiro: Pachi, Xurxo ( Marcos Sotelo, m.45 ), Carlos Escudero, Dabarca, Tazos, Gabriel, Iago, Bardelás ( Oliver Pájaro, m. 89 ), Pablo Piñeiro, Martín e David Soares.

O Partido: Comezou xogando máis e mellor o Arenteiro, chegando con máis facilidade á área que o seu rival, non obstante durante este periodo non se rexistraron ocasións de gol en ningunha das dúas porterías. Foi a partir da reanudación cando se viron as mellores oportunidades para desnivelar o marcador, as máis claras a favor do Arenteiro. Aos 58 minutos Pablo Piñeiro supera en carreira ata tres defensores da Cultural Areas e cando se dispoñía a culminar a galopada acaba no chan, os carballiñeses reclaman o penalti que o árbitro non pita e as protestas valenlle a expulsión ao delegado do Arenteiro. Os locais moven con fluidez o balón atrás pero teñen moitas dificultades para superar o hoxe ben armado sistema defensivo do Arenteiro, de feito Pachi só ten que empregarse a fondo para repeler un tiro lonxano que levaba moito perigo. Aos 73 minutos o Arenteiro sae á contra con tres atacantes por un único defensor local, non obstante a xogada culmina sen éxito atallando o porteiro local o centro de Marcos Sotelo. Nos últimos miuntos veñen as outras dúas ocasión de gol para o Arenteiro. Aos 86 m. o balón vaise ao poste tras unha xogada de David Soares e cando o meta local xa estaba batido. E aínda tería o Arenteiro a última do partido, no m. 91, unha falta que tira Marcos Sotelo, o balón vaise directamente á cruceta da portería da Cultural Areas. Meritorio partido dos carballiñeseses no campo do líder, malia presentarse con tan só 13 xogadores do primeiro equipo, nunha convocatoria que tivo que completarse con tres xuvenís.