O Carballiño celebra os dias da Festa do Pulpo con cheo na hostalaría local

8, Agosto 2021

En tempos de resistencia, e por segundo ano por culpa da pandemia de non festa do pulpo, O Carballiño volveu a atraer a miles de persoas ansiosas de degustar o pulpo á feira, un dos pratos estrela da gastronomia galega nacido no Carballiño da man mestra das pulpeiras e os pulpeiros de Arcos, distribuídos polo casco urbano para abastecer de polbo á feira comedores e terrazas da hostelaría local, e por suposto, aos comedores dos fogares carballiñeses tal como acontece neste segundo domingo de Agosto dende fai 59 anos. Igual que o ano pasado, o parque municipal estivo baleiro.

A afluencia de visitantes a O Carballiño foi unha constante nos últimos dias, e incrementouse coincidindo coa fin de semana, con cheo nos 31 establecementos que ofreceron este domingo o menú da Festa do Pulpo. En boa parte deste locais as reservas xa completaran o aforo dende fai dias, polo que as Xornadas Gastronómicas do Pulpo hai que consideralas como un éxito de convocatoria neste contexto de pandemia no que a situación sanitaria non permite un formato de participación multitudinaria como é a Festa do Pulpo. Asi o acreditan, sen excepción, todos os hostaleiros consultados por COPE O Carballiño.

O concello do Carballiño non celebrou ningún acto institucional este domingo, pero sí veu organizando diversas actividades no transcurso de toda a semana, aínda que condicionadas polo protocolo Covid, e que se completan nesta xornada de domingo coa actuación da agrupación folclórica galega "Cantigas e Agarimos", ás 8 da tarde no auditorio da Praza da Veracruz.