O Carballiño e Sustinea animan á mocidade desempregada a participar no programa de formación no estranxeiro “Galicia con alma”

19, Xullo 2025

O Concello do Carballiño e Sustinea, entidade sen ánimo de lucro de ámbito galego, comezan hoxe unha nova andaina conxunta. O concelleiro de Cultura, Diego Fernández, pon en valor este convenio de colaboración a través do que se impulsarán no municipio novos proxectos dinamizadores da vida cultural e social.

“Agradecemos moito que unha entidade como Sustinea escolla O Carballiño para realizar proxectos, para nós é un auténtico orgullo”, asegurou esta mañá, na presentación do programa “Galicia con alma”. Paulo Vázquez, coordinador de Sustinea, animou á mocidade do Carballiño a sumarse a esta iniciativa, financiada pola Xunta con fondos europeos.

O programa consiste na formación no estranxeiro de seis mozos e mozas desempregadas e beneficiarias de Garantía Xuvenil. “Sustinea promove prácticas laborais non remuneradas durante dous meses na cidade de Cork, Irlanda, e en Lisboa, Portugal. Encargámonos de buscar empresas adecuadas aos perfís, e facemos unha formación previa e un acompañamento de busca de emprego á volta”, apuntou Vázquez. Neste caso, a colaboración co Concello do Carballiño permitirá dar a coñecer este programa entre a mocidade do municipio.

A inscrición realízase a través das redes sociais de Sustinea, e o período para facelo remata o 31 de xullo. Os gastos da viaxe, a busca de aloxamento e os gastos de luz, auga e aluguer están cubertos. A persoa beneficiaria percibirá 500 euros ao mes. O programa levarase a cabo de setembro a novembro deste mesmo ano.

Diego Fernández convidou á mocidade do Carballiño a non perder a ocasión de formarse e vivir no estranxeiro: “Que a xente poida ir facer prácticas a espazos como Irlanda ou Portugal e enriquecerse do uso de linguas estranxeiras aporta ferramentas moi útiles para o eido profesional.