O Carballiño terá unha cabalgata de reis "estática", será de 18 a 20 horas este mércores na pista roxa, baixo carpa.

3, Xaneiro 2022

Hai un ano o Concello do carballiño foi o primeiro en anunciar que a recepción das "Súas Maxestades de Oriente" se realizaría por medios telemáticos, resultando un éxito tanto a participación como a súa execución. Este ano, dende a concellería de cultura, adiantan que xa estaban a traballar nun modelo de cabalgata similar ao dos anos anteriores ata que a comezos do mes de decembro os casos de contaxios comezaron a multiplicarse e se decidiu realizar o evento de forma estática con aforo controlado.

Unha nova variable , a inestabilidade metereolóxica que se prevé para este mércores, fixo que dende o concello se decidira manter o evento ó exterior, para poder levar a cabo a actividade con total garantía sanitaria, facendo uso dunha carpa e adaptando a animación ó novo espazo, a Pista Vermella, situada na céntrica Praza do Emigrante do Carballiño.

Así, o mércores, 5 de xaneiro, as cativas e cativos do Carballiño, poderán visitar ós Reis Magos dende as 18 ata as 20 horas. O evento tamén contará con animación musical e diversas figuras que contribuirán a ter un ambiente máxico nunha data sinalada para as familias. Ó final do percorrido as familias poderán depositar as súas cartas cos desexos nun buzón real.

Dende o Concello do Carballiño recordan que os usuarios e usuarias deberán respectar as medidas vixentes en materia sanitaria. Así, o espazo contará con persoal que vixiará que se cumpran os aforos e as medidas, facendo uso da mascarilla e se manteña a distancia interpersoal.