O Concello de Leiro suprime o xantar oficial da Festa da Vendima

21, Agosto 2012

A XXIII Festa da Vendima, que se celebra este vindeiro domingo dia 26 de agosto, non terá o xantar oficial que organizaba cada ano o concello de Leiro no Parque do Salgueiral.

"Non é ético este tipo de gastos no contexto económico actúal" comentaron a esta emisora de radio os responsables da organización festiva que nos últimos anos invitaba a autoridades e representantes institucionais e de diversos organismos que acudían a Leiro, tamén se invitaba desde o concello aos coralistas que participaban no "Festival de Polifonía A Vendima no Ribeiro". O concello de Leiro decidíu suprimir este tipo de invitacións e renunciar a organización do xantar institucional.

Non obstante, os que se acheguen ata Leiro con motivo da festa da vendima poderán xantar un menú variado nos restaurantes ambulantes que se instalarán no parque do Salgueiral.

CONCURSO DE CARROZAS E GRAN DESFILE ÁS 12,30 HORAS

A organización mantén na programación a actividade estrela desta convocatoria festiva, o "Gran Desfile de Carrozas e Charangas" que desde as 12,30 da mañá percorrerá a rúa Gabino Bugallal de Leiro. Os organizadores esperan que se manteña o gran nivel de participación popular do ano pasdo, no que se establecera un novo record de participación neste concurso-desfile de carrozas que cada ano convoca a numeroso público.

Antes, as 12 de mediodia a Secretaria de Estado de Sanidade, Pilar Farjas, será a pregoneira da festa na Praza do Cruceiro. Un concurso de acios, un mercado artesanal e xogos populares completan a programación de actividades nesta Festa da Vendima 2012.