O concello de Maside conta cun novo todoterreo equipado para as emerxencias, cedido pola Xunta. Destinaráse a Protección Civil de Maside.

6, Febreiro 2023

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, participou hoxe na entrega de vehículos todoterreo a varios concellos galegos, entre eles o de Maside, que conta desta maneira cunha nova dotación para a Agrupación Local de Voluntarios de Protección Civil de Maside. A Xunta destinou 26.725 euros para a adquisición deste vehículo.

O alcalde de Maside, José Manuel Iglesias, foi o encargado de recepcionar este vehículo todoterreo nun acto levado a cabo no exterior da Dirección Xeral de Emerxencias, en Santiago de Compostela, e no que interviron o vicepresidente segundo da Xunta, asi como o director xeral de Emerxencias e Interior, Santiago Villanueva e o delegado territorial na provincia de Ourense, Gabriel Alén.

Este todoterreo cedido ao concello de Maside conta con caixa de primeiros auxilios equipada con soporte para vehículo, extintor de po, dúas lanternas led con cargador de vehículo, cono con autonomía mínima de catro horas, pinzas de acendido de emerxencia e ponte de luces con altofalante. Dispón ademais de preinstalación para equipos de telecomunicacións e de gancho para remolque.

O vicepresidente segundo, Diego Calvo, incidiu na importancia de que os servizos de emerxencia municipais conten co mellor equipamento para o desenvolvemento do seu labor a prol da prevención e da seguridade da cidadanía. Referiuse tamén á necesidade de facilitarlles a preparación precisa para desenvolvelo, para o que contan tamén co apoio da Xunta a través da Academia Galega de Seguridade Pública (AGASP), centro de referencia para a formación neste eido.