O concello do Irixo e varias empresas do Carballiño-Ribeiro no Salón Gourmets 2022, ata o 28 de abril en IFEMA

25, Abril 2022

As comarcas do Carballiño e O Ribeiro son as que contan con maior representación entre as empresas da provincia que están presentes no Stand do Inorde e que desde hoxe están a promocionar a súa calidade agroalimentaria na 35ª edición de Salón Gourmets. O Inorde participa, por primeira vez, nesta feira de alimentación e bebidas de calidade, con 12 micro empresas como coexpositores que estarán ata o 28 de abril expoñendo os seus produtos.

A xerente do Inorde, Emma González, estivo hoxe en IFEMA, Madrid, na inauguración deste Salón, no que participamos co obxectivo “de promover accións que impulsen os produtos agroalimentarios que xeran valor engadido ao territorio e facilitar plataformas de promoción aos produtores que lles permitan diversificar as canles de comercialización”.

Ademais, a xerente do Inorde incidiu en que é “unha oportunidade idónea para dar a coñecer a enogastronomía da nosa provincia continuando coa estratexia marcada polo goberno provincial de que, a través do Inorde, apóiese ás pequenas empresas deste sector, un dos que máis creceu durante a pandemia na provincia”.

Na caseta do Inorde, deseñado con doce módulos para que cada unha das empresas participantes poidan expoñer e promocionar os seus produtos, está pensado tamén para que os produtores ourensáns poidan manter reunións de traballo, facilitándolles a posibilidade de que establezan novas relacións comerciais.

As empresas que están co Inorde en Salón Gourmets 2022 como coexpositores pertencen a diferentes sectores agroalimentarios e son as seguintes: a adega Sameirás de Ribadavia, Adegas Celme de Castrelo de Miño; Adegas Sampayolo de Petín; Viña Eduardo Bravo de Leiro; Irmáns Ferradás Irixo, baixo a cal se promocionarán diferentes produtos locais que se atopan dentro da “Marca O Irixo”; Cumes de Trevinca do sector lácteo a través da cal se darán a coñecer os “Sabores de Trevinca” que aglutina os produtos que se elaboran no municipio da Veiga; A Central Heladera cos seus xeados artesáns; Solucións Técnicas Esdinela con Nela Gourmet de San Cristovo de Cea coas súas marmeladas creativas; Doce Bágoa de Boborás co seu mel; A Vaquería de Baltar coa súa carne de tenreira 100% galega; Postoiro SCG de Vilar de Santos con produtos de horta; e, por último, Patacas Ama de Xinzo de Limia.

Na inauguración tamén estiveron os alcaldes do Irixo, Manuel Cerdeira; e da Veiga, Juan Anta, para apoiar a promoción dos produtos que se elaboran nos seus municipios baixo as marcas “O Irixo” e “Sabores de Trevinca”, respectivamente.

Salón Gourmets, a Feira de Alimentación e Bebidas de Calidade número uno de Europa, está aberta en IFEMA ata o 28 de abril para congregar neste edición a máis de 1.600 expositores con 40.000 produtos e 70.000 profesionais que participan para informarse das novidades do sector na súa 35 edición, a terceira máis importante da súa historia.