O cribado do Carballiño remata cunha participación do 66,7%. Os contaxios activos baixan a 14 no Carballiño e a 4 en Maside, pero volve entrar O Irixo na relación de concellos afectados con 3 casos nas últimas horas.

27, Marzo 2021

O cribado realizado polo Sergas nesta mañá de sábado no pavillón Paco Chao do Carballiño rematou cunha participación do 66,7%, a máis alta entre os 3 cribados feitos no Carballiño no que levamos de ano, acudiron 667 persoas do total das 1.000 que foran citadas. Os resultados serán comunicados ás persoas que participaron mediante SMS entre o domingo e o lúns.

Por terceiro dia consecutivo baixa a incidencia acumulada no concello do Carballiño, que se sitúa hoxe nos 120 casos por 100.000 habitantes, e tamén baixa o número de contaxios activos, que son hoxe 14 no municipio carballiñés. Tamén continúa a evolución favorable no concello de Maside, que baixa aos 4 contaxios activos, o próximo lúns dia 29 Maside abandona o máximo nivel de restricións e pasa a nivel alto, polo que recupera a mobilidade e a hostelería poderá atender en terraza.

A mala noticia desta xornada de sábado está no Irixo, onde se diagnosticaron 3 positivos nas últimas horas. Cea súmase ao resto de concellos da comarca, na relación de municipios libres de virus.