O director do Igape mantén un encontro con representantes da Escola de Organización Industrial para avaliar a posta en marcha do novo espazo coworking da comarca, que terá a súa sede no Irixo.

24, Xaneiro 2022

O director do Igape, Fernando Guldrís, vén de manter un encontro con Nieves Olivera, directora xeral da Escuela de Organización Industrial (EOI), e outros representantes do organismo, na procura de avaliar o estado dos distintos proxectos conxuntos que se están a promover no contexto do acordo marco entre os dous organismos. Unha colaboración que, como explicou Guldrís, busca reforzar a aposta polo emprendemento na procura de consolidar o seu papel como “vía de recuperación económica tras a pandemia”.

“Temos unha Galicia emprendedora que sabe como innovar, e o que queremos e facilitarlles ese camiño que se traduce na mellora competitiva do noso tecido produtivo”, expuxo Guldrís. Un escenario no que destacou os espazos coworking, lugares de traballo destinados a emprendedores e que contemplan no seu conxunto distintas actividades e asesoramento.

Estes espazos, proxecto conxunto que veñen desenvolvendo a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación, a través do Igape, e a Escuela de Organización Industrial, buscan aumentar as probabilidades de éxito de proxectos innovadores en fases temperás de desenvolvemento, e teñen permitido ata o de agora impulsar 700 novos proxectos emprendedores en Galicia.

Para dar continuidade a este traballo, o novos taller que se pon en marcha na comarca do Carballiño, que terá a súa sede no concello do Irixo, facilitará, ata finais de 2022, a posta en marcha de novas iniciativas empresarias.

Este novo espazo coworking contempla no seu conxunto distintas actividades e asesoramento, ofrecen aos participantes un mentor individual para o seu proxecto, que os acompañará no deseño de modelo de negocio; formación específica, mediante talleres prácticos centrados en temas de interese; e distintos eventos, como xornadas de networking ou encontros con actores sociais e económicos relevantes.