O equipo de drons da AXEGA colabora coa Garda Civil e Proteccion Civil na busca dun octoxenario desaparecido no Regueiro- Boborás

2, Abril 2022

A busca dun octoxenario desaparecido en Boborás refórzase esta mañá co equipo de drons da Axencia Galega de Emerxencias (AXEGA). Así, os medios especializados do servizo autonómico de emerxencias pasan a engrosar os recursos humanos e materiais que desde onte andan na procura dun home, veciño do lugar do Regueiro, afectado por unha demencia.

O 112 Galicia tivo coñecemento da súa desaparición preto das dez da noite de onte mediante a chamada de aviso dos voluntarios de Protección Civil da localidade. Segundo os membros deste equipo, o señor foi visto por última vez ás cinco da tarde do pasado día, cando saíu el só da casa.

Co fin de dar canto antes co seu paradoiro, as forzas da orde activaron unha busca na que colaboran, ademais dos voluntarios de Boborás, membros do GES de Avión, do Carballiño e Protección Civil de Maside e da Mancomunidade do Ribeiro. Recemente, uníronse os técnicos do Grupo de Apoio Loxístico co seu equipo de drons.