O exhibidor e propietario do Novo Cine Leiro, Ernesto Romero, será o protagonista dun documental dirixido polo produtor e comunicador Simone Saibene, coincidiendo co 40 aniversario do cine, único nun concello rural.

27, Abril 2023

O exhibidor e propietario do Novo Cine de Leiro, Ernesto Romero, será o protagonista dun documental dirixido polo produtor e comunicador Simone Saibene, nun proxecto audiovisual que apoiado pola Deputación de Ourense renderá homenaxe ao promotor desta sala de cine, coincidindo co 40 aniversario da súa apertura.

Con motivo do próximo inicio da rodaxe, o presidente da Deputación, Manuel Baltar, visitou o Novo Cine Leiro na compaña do seu dono, Saibene -director e guionista do documental- e Jairo Iglesias -responsable da fotografía do proxecto-. Manuel Baltar afirmou que resulta “entrañable comprobar o compromiso, vocación e amor pola sétima arte que amosa Ernesto, o que merece tanto para min como para a Deputación toda a nosa admiración e respecto”.

Manuel Baltar enmarcou a visita no interese por coñecer unha historia “que merece ser contada e vista en calquera parte do mundo, porque o amor polo cinema é universal”. Este mesmo motivo, dixo, “explica o compromiso da Deputación para apoiar un proxecto audiovisual que realzará a figura de Ernesto”, sen esquecer que iniciativas deste tipo “tamén falarán dun pobo e dunha provincia que ten no cinema un dos seus atractivos”.

Simone Saibene confirmou o inminente comezo da rodaxe do documental, que ten como título provisorio Cine Paraíso, Leiro. Agradecido polo apoio do goberno provincial, Saibene recoñeceu estar encantado cun proxecto que terá como escenario o mundo rural e que dará a coñecer a historia dun “exemplo de resistencia” que alcumou o “Totó do cinema”, en referencia ao protagonista do filme italiano Cinema Paraíso.

Ernesto Romero tamén agradeceu a visita do presidente da Deputación, ao tempo que se mostrou satisfeito “por acordarse de min” e pola rodaxe dun documental “que vai quedar para o pobo e para que a xente saiba o importante que é o cine, que vexa a miña afección e como levo loitando todos estes anos por manter esta sala”.

Unha vida dedicada a promover o cine no rural

"Cine Paraíso, Leiro" é un documental que rende homenaxe a todo un axente cultural: Ernesto Romero, unha persoa que dedicou toda a súa vida a promover o cine desde o rural. Nesta produción, que non é unha película biográfica, reflexionarase sobre a evolución do rural e da distribución cinematográfica, sempre a través dos ollos de Ernesto. No documental tamén quedará reflectido o museo no que se converteu a casa de Romero, chea de gramófonos, carteis de películas, fotografías, postais e aparellos antigos de gravación e exhibición. Durante estes 40 anos de actividade na sala de cine, o seu propietario tamén documentou en Super 8 e VHS a evolución de Leiro, de tal xeito que esta produción explorará o pasado e o presente do concello e os cambios e a evolución do rural grazas a ese inestimable fondo de arquivos.

O dono da única sala da provincia con proxector dixital en 3D

Ernesto Romero (Lebosende, Leiro, 1952) achegou se ao cinema con 8 anos cando viu a súa primeira película: Alma Gallega de Armando Hermida Luaces. A súa aficción medrou tanto que recollía os fotográmas que tiraban no lixo, ao lado da sala de cine. Traballou como operador de cabina en Villagarcía de Arousa e Vigo e terminou ata que o 28 de mayo de 1983 inaugurou o Novo Cine en Leiro.

En 2009 Ernesto Romero decidiu comprar un proxector dixital en 3D, convertendo a súa sala na única de toda a provincia de Ourense que podía proxectar películas neste formato, logrando encher este espazo en numerosas ocasión coa estrea, un ano despois, da película Avatar, filme que neste 2023 regresa ás pantallas.